A praza do Curro de Noia vai acoller este venres 18 de setembro un espectáculo musical a cargo da banda Os Monifates. O concerto, que será de balde, dará comezo ás 20.00 horas e terá capacidade e aforo limitados. Insírese no proxecto-certame Interritmos, son no rural (certame no que Os Monifates resultou ser unha das agrupacións gañadoras).
Os Monifates é un dúo musical formado por Alberto Millán e Xosé Piñeiro, que reivindican o espírito de liberdade e creatividade dos músicos ambulantes que percorrían as corredoiras e os sendeiros da nosa terra en décadas pasadas. Acompañándoos, carrexan un carromato con todo tipo de instrumentos tradicionais (algúns deles feitos por eles mesmos con outros utensilios non musicais) e mesmo monicreques que danzan ao ritmo das súas interpretacións.
A asistencia ao concerto é de balde, se ben, como dixemos, o aforo será limitado e haberá que cumprir con todos os protocolos sanitarios, sobre todo levar máscara e manter a distancia de seguridade. O Concello de Noia colabora na organización da actuación.
As seguintes citas musicais do dito proxecto musical serán o sábado 19, ás 13:30 horas, na alameda da Pobra do Caramiñal, coa actuación de Millo Miúdo. O grupo Ailá pechará este ciclo de concertos de presentacións dos gañadores de Interritmos: son do rural coa súa actuación no centro social de Abanqueiro (Boiro) o sábado 19, ás 20:00 horas.