
A asociación ecoloxista galega ADEGA convocou unha nova edición, a novena xa, da súa xornada simultánea e colectiva de limpeza de areais, a Limpeza Simultánea de Praias, unha xeira de traballo a desenvolver en múltiples recantos do noso litoral que busca pór de manifesto a importante degradación que están a sufrir as nosas costas e os nosos mares, por mor da acción humana e do desleixo dos gobernos e das administracións. A xornada de voluntariado ambiental celebrarase o sábado 17 de outubro en ducias de areais galegos.
Están chamados a participar na limpeza de praias e denunciar esta problemática ambiental os centros de ensino, escolas de surf, centros de mergullo, clubs de piragüismo e vela, pescadores, mariscadoras, concellos, e entidades de todo tipo, tanto públicas como privadas, ademais das persoas particulares. Os centros de ensino interesados en adherirse á quedada ambiental poden facelo até o vindeiro 10 de outubro.
O obxectivo das limpezas de praias é o de eliminar parte dos residuos que están nas praias como símbolo de chamada de atención sobre esta a situación de contaminación que sofren as nosas praias e areais. Segundo ADEGA, as principais causas desta problemática ambiental débense situar no modelo de consumo e produción baseado no modelo “usar e tirar”, a deficiente xestión dos residuos que xeramos e a falta de concienciación dalgúns sectores da poboación. “Todo iso fai que cada ano 10 millóns de toneladas de lixo rematen nos océanos, procedente en parte da industria do mar (pesca, extraccións…), pero tamén dos nosos fogares”.
Na edición do ano pasado da Limpeza Simultánea de Praias retiráronse do litoral galego preto de 900 kg. de residuos, principalmente microplásticos, cabichas e pauciños de limpar as orellas, e participaron máis de 800 persoas.
Dada a necesidade actual de extremar as medidas de precaución pola COVID-19, na vindeira Limpeza Simultánea de Praias, os grupos de voluntarios e voluntarias non poderán exceder das 10 persoas e terán que seguir as debidas normas de seguridade sanitaria (uso de máscara e distancia interpersoal). ADEGA ofrece asesoramento ás entidades participantes e proporciónalles o material divulgativo e os protocolos de limpeza. Para máis información cómpre enviar un correo á conta itziar@adega.gal, ou chamar ao teléfono 981 570 099.