A Biblioteca de Ribeira amplía o seu horario para préstamos, devolucións e expedición de carnés

A Biblioteca Municipal de Ribeira vai ampliar o seu horario regular no que atinxe a determinados trámites como préstamo e devolución de libros e expedición de carnés da Rede de Bibliotecas de Galicia. Esta ampliación é un xeito de normalizar os servizos da biblioteca logo das restricións do Estado de Alarma (que motivou o peche do centro) e do desconfinamento posterior (que fixou un horario de mañá, de luns a venres, para os ditos trámites e outros como consultas, uso de sala de estudo e hemeroteca, emprego de computadores e atención aos usuarios).

Agora, a Concellería de Educación vén de decidir ampliar o seu funcionamento entre as 19 e 21 horas nas devanditas funcións tendo en conta determinados condicionantes no que se refire aos préstamos, pois os libros deberán ser reservados con antelación, ben fisicamente na instalación ou ben por teléfono (981 835 650), por correo electrónico (ribeira.rbgalicia@eidolocal.es) ou a través da rede social Facebook.

Esta medida prolongarase provisionalmente ata o mes de outubro e despois, segundo informou o Concello, tomaranse as decisións oportunas en función de como evolucione a situación.