Os portavoces das agrupacións locais do PSdeG e do BNG, Roberto Iglesias e Ricardo Suárez, e a deputada provincial e concelleira municipal, Sandra González, mantiveron unha reunión para afondar na política municipal e en accións que deberan pórse en marcha dende o Concello que son consideradas “de urxencia” polos dous grupos. A primeira das cuestións tratadas foi, sinalaron, “a necesidade de apoiar ás empresas e economías familiares logo de que o Goberno local non puxera en marcha os acordos xurdidos da Comisión da COVID 19 propostos por ditas formacións e correspondentes aos bonos sociais para a compra no comercio local e á liña de axudas para a adquisición de material de seguridade por parte do comercio e hostalaría locais”.
Tamén coincidiron na relevancia de instar ao Concello de Noia a que se adhira ao Plan de Emprego Local (PEL – Reactiva) para “reactivar as economías municipais posto en marcha dende a Deputación da Coruña”. Isto engadiron, suporía a posta a disposición de micro-empresas e persoas autónomas da localidade axudas por unha contía de máis de 300.000 €.
Ademais acordaron solicitar ao Goberno Local que “busque canto antes unha localización para o Espazo de Traballo Colaborativo que foi aprobado en sesión plenaria”, un punto de coworking que viría a integrarse no tecido de espazos de traballo innovador da Deputación da Coruña.
A volta á escola tamén estivo presente nas conversas e neste caso o acordo chegou na necesidade de que a Corporación municipal inste á Xunta a asumir os custes derivados da adaptación dos centros de ensino aos protocolos da situación pandémica actual. Neste contexto, tamén acordaron a necesidade de que se estableza un Plan Municipal Contra a Fenda Dixital.