Ribeira, praias para disfrutar cada cinco minutos. Por Antón Luaces

Antón Luaces

Dende hai moitos anos manteño que pasar uns días na comarca do Barbanza permite ao viaxeiro amante das praias espaciosas -tamén dos recunchos máis íntimos- gozar destes espazos agora máis cobizados ca nunca por mor do COVID-19 e permanecer cada día nun deles sen ter que desprazarse moitos quilómetros diariamente. Un máximo de 15-20 minutos na estrada permite achegarnos a un deses areais aínda válido para estarmos con relativa tranquilidade e máIs ou menos lonxe os uns dos doutros para cumplirmos a normativa sanitaria das distancias entre persoas.
Ei confesar que sempre fun un namorado das praias desta nosa zona, dende Rianxo a Porto do Son, con porto-base en Riveira, concello que dispón dunha chea de praias moitas delas con tan pouca xente, que o simple feito de circular en coche ou en calquera outro medio de lomoción- permite decidir ao instante onde quedarse a pasar o día ou unha horas de lecer.
Poñamos que saímos de Riveira cara a Rianxo. A primeira praia que atopamos, a de Coroso, é unha desas ledicias que pide o corpo, máxime en verán. Espaciosa, de area ben diferenciada entre a que na pleamar queda baixo as augas e aquela outra á que nunca o mar chega. talvez teña de malo a contundencia da frialdade da auga en determinados puntos e circunstancias; mais todo é cuestión de nadar, esforzarse mínimamente e ós poucos minutos estará superado o mal momento. Dotada de servizos de cafetaría e restauración, conta tamén con recoñecido camping e aparcadoiro de vehículos. Dende Coroso á praia do Río Azor -nome que cada quen pronuncia ó seu xeito- unha carreiriña dun can. Unha ledicia, con hotel moi perto. A continuación, Palmeira, unha das entidades de poboación que conforman o concello de Riveira, con praias de seu e que enlazan coas do veciño concello da Pobra do Caramiñal. Palmeira é terra de mariñeiros da mercante que non esquecen os seus principios na baixura e a bordo dunha dorna ou un racú. Tamén na altura e gran altura.
As obras de ampliación do solo urbano de Riveira e, máis en concreto, do seu porto, obrigaron a prescindir de praias como as de Colomer, a carón do secadoiro de bacallao do mesmo nome; a da Pedra Pateira, situada en Bandaurrío, entre a conserveira Cerqueira e o rochedo que lle daban nome. Está a continuación, o areal de Fontán, do que queda unha mínima expresión após as obras realizadas para ampliar o vial do paseo marítimo nesta zona que abre novas espectativas para quen queira ir ao Touro, Ameixida -que pena que se perderan aquelas poboadas canaveiras da veira da estrada-. No Touro, dende o lugar da rocha coñecida como O Panecillo (cornecho) hai unha ampla zona de rochas e pedras de distintas formas e tamaños que configuran esta parte da ría de Arousa como o mellor refuxio para os polbos, as maragotas, as xulias, as fanecas, os lorchos (nas pozas, coa baixamar). Unha zona esta con relativamente escasa presenza de bañistas, sen ruidos e con lugares de sombra que proporcionan as propias rochas, algunhas delas penedos inmensos que conducen ata a praia de Area de Secada, praia de area máis grosa e de fácil desprendimento do corpo unha vez seco este. Unha praia de poucos metros de lonxitude, que aínda garda as vellas paredes de pedra de porpiaño dun antigo salgadoiro, con pinares que se asoman á veiramar como na percura dun retrato. Tamén aquí hai rochas que deparan a oportunidade dunha sombra que, en día de solleiro, resulta necesaria.
A cinco minutos ten o viaxeiro as praias -en plural, se ben son unha continuidade da anterior- da Ameixida, terra riveirense da que saíron moitas dornas construídas polos mestres carpinteiros de ribeira que abundaban no lugar. Coma o resto da costa anterior, a da Ameixida é pedra e area, refuxio de todo aquel que queira intimidade para a lectura, unha soneca ou, simplemente, contemplar a inmensa beleza da ría arousá.
E a outros cinco minutos, máis ou menos, Castiñeiras, outra parroquia mariñeira desta Riveira infinda de mar, rocha e area, que “da” -disque- os mellores polbeiros da contorna e que ten sona de ser criadoiro dos mellores polbos desta ría aos que o sempre lembrado Claudio (o da Cuba) mazaba na rampla do vello peirao riveirense, a carón do carro varadoiro.  Non máis de cinco minutos son necesarios para se desprazar da praia de Castiñeiras á do Castro, ampla, fermosa, de auga fría que senta de marabilla ós corpos acalorados. Unha praia que acolle e mima, dende a que un pode constatar a beleza da ría, o ir e vir dos arroaces, e centos de crías -cardumes- de peixes distintos que se achegan á praia. Tamén aquí, ao igual que nas citadas anteriormente, a praia dispón de quioscos nos que subministrarse de bebidas refrescantes e materias máis “contundentes” en cuestión de “fartura”. E de Castiñeiras, outra carreiriña de can e estamos en Aguiño, onde agardan a praia e unha colección de dornas á vista no propio centro do pobo, con reminiscencias históricas do peirao da Covaza e a modificación dos illotes agora comunicados entre sí por unha ponte fronte ao conglomerado de bares, restaurantes e pulpeiras concentrados e mesmo aveirados ao vello secadoiro de bacallao de Colomer, complemento do que a compañía ten en Riveira.
E saíndo de Aguiño, cara a Carreira, un pequeno desvío na dirección de Couso, onde as rochas acadan dimensións extraordinarias e conforman calas de ensoño como esta citada de Couso á que pouca xente vai, malia ser lugar de ben sentar e xantar, no que se pode elixir entre sol e a sombra grazas precísamente a esas pedras de distinto tamaño. De seguido, camiño de Corrubedo, terra de vento e nubes de area-pó das súas famosas dunas móbeis, a inmensa praia do Vilar a cuxa lagoa van recalar multitude de especies avícolas. Xa praia do Vilar, pasando o río, toca disfrutar da praia da Ladeira, coas dunas como espiña dorsal dunha zona con historia de seu e o vixiante monte da Cidade no alto. Antes de entrar de cheo no pobo de Corrubedo, a praia de Prado dotada dun bo número de bares e restaurantes situados e menos de dez metros do areal. Unha camiñada ata o famoso faro de Corrubedo -reconvertido en parte en hotel e restaurante- , contemplar a inmensidade do mar e o poder defensivo das rochas e, abrindo camiño á ría de Muros-Noia, Balieiros, imensidade de pedra, area e mar que conduce ata a praia de Seráns, xa no veciño concello de Porto do Son. 
Riveira é pedra viva, area e mar. Riveira é aire salgado. É son, vida e movemento. É terra a visitar para disfrutar.

Praia de Coroso. Ribeira. Joferpa