Na nosa sección de opinión incorporamos desde esta semana a Jacobo Otero Moraña, de sobra coñecido este escritor ribeirense que se define como “Contador de historias, navegante, condotiero fóra de século, marido e papá”, conta no seu haber con moitas obras e recoñecementos. Aínda que lonxe da terra segue vinculado a ela por familia e por morriña. Para nos é un honra contar coa súa pluma e esperamos que outros se animen a facelo. As nosas páxinas están abertas á opinión.
“O que queda no camiño”. Por Jacobo Otero Moraña

Hai xa moitos anos que non estou entre vostedes. Dezanove desde que fixen por primeira vez as maletas, e trece de ausencia continuada. Algúns dirán que tras ese tempo non estou en condicións de opinar moito,e talvez teñan razón. En calquera caso, grazas a eses contactos que nunca permitín que se marchitaran, sigo ao tanto do que sucede no pobo. Os meus ilustres detractores volverán á carga con que non é o mesmo ver algo pola redes ou escoitar unha opinión que vivir o día a día sobre o terreo. E non serei eu quen lles contradiga. Pero unha cousa é falar sobre, poñamos por caso Buthán, onde a inmensa maioría só estivemos a través dun documental da 2, e outra dun lugar polo que transitaches desde a infancia vendo como cambiaba e crecía a ese ritmo vertixinoso que nos impoñen os tempos.
Era precisamente un neno cando vin por primeira vez a aqueles africanos que viñan nos Albacoras,e tamén cando no baixo do concello puxeron aquela maqueta onde a ampliación do porto contemplaba un espazo para os grandes mercantes. Foron pasando os anos e certamente o peirao fíxose máis grande. Pero dos barcos de carga, nada de nada. Quizá todo foi unha quimera. E é que en honra á verdade, resulta un tanto difícil tratar de competir cos do outro lado da Ría. Non porque sexan mellores ou peores, senón por unha cuestión que escapa a estratexias ou ideoloxías. O tendido da vía férrea entre Coruña e Vigo pasa por Villagarcía. Se a iso sumamos os anos que custou desdobrar a estrada ata convertela en autovía ata Padrón, pois xa temos a resposta.
Aínda así, Ribeira non é nin moito menos unha descoñecida. A súa frota pesqueira de baixura gañouse máis que merecidamente o prestixio de estar entre os primeiros portos do país. Levo uns cuantos anos vivindo en Almería, e xa lles avanzo que no apartado de embarcacións pesqueiras o noso pobo xoga noutra división, tanto por número de barcos como por volume de negocio na lonxa. No tránsito de mercadorías, son eles quen nos gaña por goleada.
A cuestión é saber cara a onde se quere avanzar. Porque logo non vale queixarse de que a zona queda sempre fóra dos plans de desenvolvemento, provocando así a emigración masiva dos mozos en busca de oportunidades noutras cidades. Á súa vez, ninguén aposta polo desenvolvemento de sectores alternativos que posiblemente tivesen cabida, como pode ser un turismo que aproveite roteiros naturais que farían gozar ao visitante dese contraste que ofrecen mar e montaña, sexa dacabalo ou por outros medios. Xa lles avanzo que esta non é unha idea peregrina, froito dun calentón de sobremesa, senón algo que leva anos funcionando moi ben en comunidades veciñas como Asturias e Cantabria.
Isto en ningún momento sería cambio de tendencia, senón complemento á actividade xa existente. Algo que podería contribuír a dar un empuxón a varios sectores a través de empregos indirectos. Non digamos xa ao hostaleiro, sexa a nivel de locais de restauración e lecer, como de prazas hostaleiras.
En definitiva, que se trata de abrirse a toda canta actividade bríndesenos . Máis nestes momentos tan complicados. Non podemos pensar que a partir de agora viviremos inmersos nunha crise sanitaria perpetua, senón que deberiamos ser capaces de ver o futuro con ese espírito emprendedor que sempre nos caracterizou aos galegos en xeral e aos habitantes do Barbanza en particular. Toca ser valentes e deixarse de ambigüidades. Desterrar do vocabulario é o eterno NON. Non ao peirao mercante porque amola a pesca. Non ao turismo masivo porque son uns “ fodechinchos”. Non ao que trae unha idea nova porque “que se cre este enterao?”.
Con tanto NON, o único certo é que nos fomos perdendo oportunidades que podían ser SIS, facendo de Ribeira un referente en varias ramas. Acabemos co mito de que para prosperar hai que irse a Santiago, Coruña ou Vigo, “e ou que non vale para estudar, á sardiña, como teu pai”… O futuro depende do que nós queiramos. Iso si. Non basta con querer. Toca remangarse e convertelo nunha realidade. Pola contra, outra vez quedaremos no camiño. O mesmo que aquela maqueta que de seguir existindo, debe estar a criar po nalgún soto.