
Finalmente o Concello de Ribeira recibiu cinco ofertas para o desenvolvemento da súa nova web. O proxecto, cuxo prazo para a presentación de candidaturas xa rematou, consistirá no deseño, no desenvolvemento e na posta en marcha dun novo portal municipal: unha iniciativa que busca unha Administración local máis próxima á cidadanía (“optimizando a experiencia de usuario na súa relación coa institución”) e modernizar o estilo e imaxe da presenza institucional de Ribeira na Rede, empregando as técnicas máis punteiras de xestión para facela, en palabras do Concello, “máis dinámica, viva e intuitiva”.
Os servizos que se pretenden contratar agora son:
• Desenvolvemento e posta en marcha dunha plataforma de xestión de portais e contidos para o Concello de Ribeira.
• Reforma de deseño e arquitectura de información das páxinas web municipais: ribeira.gal e turismo.ribeira.gal.
• Migración dos contidos desas páxinas á nova plataforma. A empresa adxudicataria deberá cargar todos os datos existentes nas webs municipais, adecuando o contido á nova estrutura.
• Posta en marcha do portal e garantía de soporte durante un ano posterior á mesma.
• A plataforma instalarase na nube debendo a empresa adxudicataria encargarse do aloxamento na nube durante o ano de soporte (SaaS).
• Formación do persoal.
Accesíbel e adaptábel a diferentes dispositivos e formatos
Nas bases do proxecto faise saber que o portal web deberá cumprir entre outros requisitos os estándares de accesibilidade web esixidos para os organismos públicos (en particular, o cumprimento, como mínimo, do nivel AA. e adaptación ás pautas WCAG 2.1.) e deberá ser unha responsive web design, de tal xeito que se adapte a calquera dispositivo móbil.
En canto a súa estrutura, deberá incluír a priori e como mínimo as seguintes funcións: mensaxes (incorporará un sistema de noticias na páxina principal, dispoñendo das funcionalidades necesarias para a elaboración periódica dun boletín electrónico e permitindo que os usuarios poidan subscribirse ao mesmo para a súa recepción a través de correo electrónico), información do Concello (incluíndo datos municipais actualizados e unha sección para goberno aberto e transparencia), trámites con acceso á sede electrónica, caixa de correos para o rexistro de incidencias, axenda de eventos e actividades, formulario de consulta e datos de contacto, acceso ao perfil do contratante e accesos a webs do concello e de terceiros.
Polo que se refire ao sistema de xestión de contidos, ten que estar baseado en arquitectura aberta open source actualizada, e deberá ser totalmente configurábel a base dunha arquitectura modular que garanta unha ampla marxe de adaptación e evolución (escalabilidade).
O prazo de entrega e posta en marcha da solución escollida será de 4 meses dende a sinatura do contrato.
EDUSI Máis Ribeira Atlántica
Esta iniciativa, cuxo prezo de licitación se eleva a 18.000 euros, IVE incluído, enmárcase dentro do programa EDUSI Máis Ribeira Atlántica 2020, financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) ao abeiro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020. Adscríbese á liña de actuación deste plan denominada Modernización da Administración e Smart Village Ribeira, á que pertence tamén o Sistema de Cartelería Dixital que se está desenvolvendo en período de probas, con seis pantallas informativas situadas noutros tantos puntos do municipio.