
O Concello de Boiro vai prohibir a acampada na romaría de San Ramón de Bealo, co obxectivo de previr gromos de COVID polas posíbeis aglomeracións de residentes e visitantes. Así o fai saber nun bando informativo publicado este venres, no que se especifica que “non se vai permitir a instalación de postos de restauración e hostalería, atraccións e a acampada na contorna da ermida”.
No bando tamén se fai saber que “como consecuencia da situación de excepcionalidade que estamos a vivir e tendo en conta as medidas de prevención que están levando a cabo as administracións autonómicas e nacionais, así como outros Concellos no relativo á celebración de festexos”, queda cancelada calquera tipo de actividade lúdica na contorna do devandito templo boirense.
A decisión foi tomada en xuntanzas do Concello coa Policía Local e a Garda Civil. Nas reunións artellouse o operativo a seguir durante a fin de semana previa ao día de San Ramón e “evitar, deste xeito, as festas incontroladas e aglomeracións”. Con estas medidas, informou o Goberno local, “o que se busca é garantir a seguridade da cidadanía e evitar posibles novos rebrotes”.