O Concello de Boiro informou da realización dunha campaña para concienciar a cidadáns e visitantes sobre as súas obrigas en materia de tenza de animais de compañía, unha campaña que advirte das sancións que poden derivarse de incumprir algunha das responsabilidades que temos en relación cos animais. Colocación de carteis, xornadas formativas e iniciativas para o control de microchip son algunhas das accións que se están a levar a cabo.
Desde a Concellería de Medio Ambiente de Boiro estase a traballar para que “se cumpran de xeito efectivo as medidas de hixiene e coidado de mascotas que se recollen no Regulamento municipal de animais domésticos e animais salvaxes en catividade”. Segundo informou o dito departamento, o primeiro que se está a facer é dotar de carteis informativos ás rúas do municipio, poñendo o foco naqueles puntos máis conflitivos e zonas de máis afluencia de paseos.
Baixo o lema Por un concello máis limpo, mantén limpas as vías públicas estes carteis recollen normas básicas de comportamento que deben seguir as persoas propietarias de mascotas, como por exemplo non deixalas ceibas na vía pública ou recoller os seus excrementos, así como as sancións ás que se expoñen no caso de incumprimento.
Nas vindeiras semanas vanse retomar as campañas que Protección Civil e a Policía Local comezaron a facer durante as fases do plan de transición cara a nova normalidade para o control de microchip nos cans. Con esta medida o que se pretende é informar á cidadanía da obrigatoriedade de seguir a normativa en canto á identificación de mascotas.