
O BNG de Noia vén de emitir un comunicado no que critica o desenvolvemento do proxecto da fachada marítima de Noia, nas súas palabras “un exemplo de mala praxe por parte de Costas e do Goberno municipal que custará cando menos 30.000 euros ás noiesas e noieses”.
O grupo noiés, que concorda cos obxectivos do proxecto de mellorar a seguridade viaria, “tanto no punto da Ponte de Noia como noutras contornas do municipal”, centra as súas críticas no proxecto en si mesmo (Adecuación da fachada marítima de Noia) e no desenvolvemento da dita actuación. Os nacionalistas recordan que esta zona está incluída dentro de perímetro regulado polo Plan Especial de Reforma Interior e Conservación Artística do Casco Histórico de Noia e que dito plan, en referencia aos paseos de ribeira, “establece a necesidade de que a súa instalación integre os muros de fábrica e ramplas actuais e outros elementos pétreos de interese na nova aliñación do perímetro dos malecóns”. Este mesmo plan, engade a agrupación, tamén considera que a Ponte Vella de Noia é un “elemento que constitúe unha peza importante na silueta e imaxe urbana xeral do Casco Histórico”.
Dende o BNG critican que “tendo a ponte esta consideración e contando con un nivel de protección de Catalogación II (protección estrutural)”, permítase unha “nova deturpación dunha ponte a través da demolición do firme e da beirarrúa dos primeiros 30 metros da ponte, que ademais, perden totalmente a súa visualización”.
Alén das “consecuencias patrimoniais do proxecto”, os nacionalistas centran a súa crítica na que consideran “unha importante inaptitude de Costas do Estado e do Goberno Local de Noia”, xa que consideran que o proxecto non tivo en conta os servizos básicos no subsolo e que o Goberno “non fixo unha revisión oportuna de xeito previo ao comezo da obra”.
Ricardo Suárez, portavoz do BNG na localidade, recorda que “a falta de previsión supón necesidade de modificación do proxecto e a paralización da obra, coas obvias consecuencias paisaxísticas, viarias e económicas”.