
O Grupo Municipal Socialista de Noia vén de emitir un comunicado no que pon de manifesto o mal estado no que se atopa a ruta de sendeirismo que percorre o río Tambre e a necesidade de amañar algúns dos seus principais sinais de deterioro. Segundo indica a agrupación, estas eivas de mantemento son notorias nas varandas da ponte colgante sobre o río ou nos carteis explicativos do roteiro, que é, segundo indican, “un lugar moi concorrido por residentes e visitantes nestas datas de calor” e que, por mor do mal estado que presentan os seus elementos, “producen unha impresión de desleixo absoluto”.

Os socialistas poñen o foco tamén no deterioro das pasarelas de madeira feitas no seu día polo
Concello e que “actualmente achegan risco de accidente, estando as táboas de madeira soltas, rotas e incluso nalgún caso as propias varandas xa caeron”, indican, engadindo que van solicitar no pleno deste 30 de xullo que o Concello realice o mantemento axeitado para que as instalacións municipais no río Tambre “deixen de ser un lugar perigoso, en lugar de que poidan ser espazos para desfrutar da natureza”.

A agrupación lembra que no mes de febreiro presentou, polos mesmos motivos, unha moción para mellorar a contorna de San Lázaro e as pasarelas de madeira igual de deterioradas, un deterioro que, segundo indican, é extensíbel ao paseo Marítimo.