O PBBI de Ribeira propón adicar unha rúa ou praza á xente que loitou contra a COVID-19

21 Xullo 2020

O Grupo Municipal Partido Barbanza Independiente (PBBI) de Ribeira vén de presentar ao Concello, a través do seu portavoz Vicente Mariño de Bricio, unha moción relativa á crise sanitaria e a necesidade de pór de manifesto o importante labor levado a cabo polos colectivos, entidades e persoas que contribuíron a frear o espallamento da COVID e a mitigar as súas consecuencias. Segundo fai saber a agrupación, un destes colectivos aos que cómpre render tributo é sen dúbida o dos sanitarios: “A pandemia deixounos claro o inconmensurábel labor do persoal sanitario que loitou contra o virus que afectou por centos de miles de persoas e, en moitas ocasións con nulos ou escasos medios cos que facer fronte e sen medidas de prevención e de seguridade”.

O PBBI enxalza tamén na súa proposta “outros moitos profesionais de emerxencias e das forzas e corpos de seguridade”, así como sectores que continuaron traballando para que á poboación non lle faltase bens de primeira necesidade nunha situación tan delicada, e particulares anónimos que elaboraron materiais de prevención, como máscaras, para que a poboación puidese dispor deses elementos de protección sanitaria.

A agrupación tamén convida a recordar as “importantes doazóns desinteresadas de diversos equipos sanitarios, como respiradores, entre outro material, como as que realizou o empresario galego Amancio Ortega, permitindo con iso unha mellor atención aos pacientes contaxiados”. Segundo indica o PBBI, “todos eles merecen un recoñecemento público e que o seu labor sexa lembrado co seu nome nalgunha rúa ou praza de Ribeira, así como outro tipo de recoñecementos que permitan que non queden no esquecemento”.

En virtude de todo o exposto, o grupo insta o pleno da Corporación municipal de Ribeira á adopción dos seguintes acordos:

– Que o Concello de Ribeira aprobe que rúas ou prazas da localidade levarán o nome que recoñeza o labor realizado polo persoal sanitario durante a pandemia do coronavirus, así como doutros profesionais que estiveron en pé de guerra para contribuír a superar esta crise sanitaria, e tamén que se lle faga un recoñecemento especial ao empresario Amancio Ortega polo “seu labor desinteresado, doando diferente material co que loitar contra o virus”.

Outros artigos

Aprazada pola previsión de mal tempo a IX Andaina Solidaria CONGALSA

Debido á mala previsión meteorolóxica que espera para esta fin de semana aprázase a IX/IX Andaina Solidaria CONGALSA. Respecto da data definitiva de celebración, a empresa da Pobra impulsora e patrocinadora da iniciativa explica nun comunicado que ao tratarse dunha...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión