A cultura sáenos ao paso en Boiro nesta penúltima semana de xullo. E faino baixo a fórmula da seguridade e dos pequenos formatos en escenarios que, de por si, axudan a gardar o distanciamento. O programa ábrese con Raquel Queizás, que nos ofrece un espectáculo de narración oral nos muíños do paseo do río Breiro. O contacontos (A maleta da avoa) será a partir das 12 horas este mércores 22 de xullo. Haberá historias divertidas, obxectos e monicreques. Trátase dunha cita especialmente indicada para nenas e nenos de máis de 3 anos. A área de Cultura do Concello lembra que xa se pode reservar a entrada no enderezo cabodecruz@boiro.org ou ben no mesmo día do espectáculo por orde de chegadas.
Un día máis tarde, o xoves 23, a danza e o circo toman a palabra. Farano da man de Ikigai, cun espectáculo para todos os públicos programado para as 21.30 horas, na praza de Galicia. Haberá xogos, acrobacias aéreas e mesmo música en directo. O aforamento, debido ás complexas circunstancias polas que estamos a pasar, será novamente limitado. Podemos reservar a entrada no enderezo electrónico cabodecruz@boiro.org ou no mesmo día por orde de chegada.
O venres 24 de xullo, ás 21 horas na praia Xardín, temos unha cita coa música tradicional galega da man da agrupación boirense Xilbarbeira, conxunto fundado hai case vinte anos e constituído por varias xeracións de veciñas e veciños unidas/os non só polos lazos familiares senón tamén pola reivindicación do coñecemento musical popular que se vai transmitindo ao longo das décadas e dos séculos.
O sábado 25 de xullo será a hora do rock galego en feminino. Concretamente o que elaboran as mozas integrantes de The Tetas´ Van, revolucionaria (en todo o sentido do termo) banda de Ourense especializada en dar viraxes sonoras inesperadas a todo tipo de clásicos, ao mesmo tempo que reivindican “a loita contra as inxustizas que nos tocan a todas, a través da nosa lingua galega”. A banda tocará en Boiro ás 22.00 horas, na praza do Centro Social.