
O Bloque Nacionalista de Ribeira (BNG), ante a necesidade de dotar de medidas de seguridade os que son, todos os veráns, grandes puntos de concentración de veciños e visitantes, as praias do termo municipal, moitas delas situadas en mar aberto ou semi-aberto, vén de solicitar ao Concello a ampliación do equipo de socorristas. Esta necesidade é maior, argumentan, se temos en conta o gran número de areais cos que conta o concello e o importante atractivo turístico que atesouran. Malia isto, sostén o BNG, “moitos non contan cun dispositivo de socorrismo axeitado”.
Segundo explica o concelleiro Luís Pérez Barral, “a falta de persoal provoca que haxa areais que ante calquera situación de risco deben agardar á intervención de Salvamento Marítimo, Cruz Vermella, GAEM ou a que unha embarcación particular próxima poida rescatar a persoa ou persoas que poidan estar en perigo no mar”.
Para os nacionalistas esta situación vén provocada “pola falta de planificación e previsión do goberno presidido por Manuel Ruiz que, malia saber que podería haber poucos profesionais, non fixo nada para tentar cubrir o maior número de areais con persoal de socorrismo”.
O edil láiase tamén de que o Concello si decida dotar de socorristas a praia de Coroso, que “se caracteriza por ser un areal tranquilo no que as intervencións realizadas adoitan ser de pouco risco para as persoas”, mentres “deixa desatendidos areais como Castro-Catía, Castiñeiras, Ameixida, O Touro, Riazor, A Corna e outras moitas que non teñen persoal que poida actuar en caso de emerxencia”.
Por todos estes motivos, o Bloque rexistrou unha iniciativa na que lle demanda ao Goberno local que actúe para “evitar a falta de persoal de cara o vindeiro ano”.