Comezan os obradoiros de formación do espazo de coworking Emprende Lab Barbanza

O Concello de Boiro, co financiamento da Deputación Provincial da Coruña e a colaboración da Asociación Boirense de Empresarios, promove o proxecto de traballo colaborativo e innovador Emprende Lab Barbanza, co que impulsar no termo municipal o emprendemento, o emprego e máis o espírito innovador. A primeira das actividades que se vai facer no marco desta iniciativa de coworking é un obradoiro presencial e telemático que se realiza xunto coa Asociación Rianxeira de Empresarios.

O taller Metodoloxías áxiles para startups vaise desenvolver de xeito presencial en Rianxo, na sede da ARE, e tamén se pode asistir de xeito telemático. A actividade vai ser o vindeiro luns 27 de xullo de 10.30 a 19.00 horas. As persoas asistentes van coñecer de maneira práctica cales son e como funcionan as metodoloxías áxiles nas estratexias de negocio.

O taller é gratuíto e as inscricións están abertas. Poden facerse cubrindo o formulario de inscrición a través da web labbarbanza.gal.