Continúan esta fin de semana as proxeccións seguras, adaptadas e innovadoras da iniciativa Lúa Chea no Barbanza, impulsada pola Mancomunidade de Municipios Arousa Norte (Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo) para achegar lecer audiovisual a residentes e visitantes baixo unha fórmula que fai compatíbeis os protocolos sanitarios máis esixentes coa diversión e a orixinalidade. A proposta recala o venres en Rianxo. Farao ás 20h30 con Cinema Paradiso (cinema clásico) e ás 23h30 con O que arde (cinema galego). O sábado 18 de xullo, ás 20.30 horas, retómanse as proxeccións con O Cid (cinema familiar) e ás 23.30 horas La Biblioteca de los libros rechazados (cinema actual).
O ciclo Lúa Chea no Barbanza está a achegar sesións de autocine para todos os concellos que integran a mancomunidade (Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo) ao longo dos meses de xullo e agosto. Trátase, en palabras de Arousa Norte, “dunha actividade mancomunada que forma parte dun traballo de reformulación de accións turísticas debido á crise sanitaria”.
Lúa Chea no Barbanza vén da man das catro concellerías de Cultura dos concellos da comarca, contando para este traballo colaborativo co apoio da Deputación da Coruña.
Desenvolverase ende o 3 de xullo ata o 21 de agosto e contará con catro sesións en cada un dos concellos: Cinema Actual, Cinema Familiar, Cinema Clásico e Cinema Galego.
O ciclo comezou en Boiro o venres 3 de xullo, no peirao de Cabo de Cruz, e logo trasladouse a Boiro capital ao día seguinte para, a seguinte fin de semana, recalar en Ribeira.
O peche do autocine terá lugar no concello da Pobra do Caramiñal na explanada portuaria do aparcadoiro o venres 20 de agosto ás 20h30 La vida es bella (cinema clásico), e as 23h30 Eroski Paraíso (cinema galego) o sábado 22 de agosto ás 20h30 Pérez, o ratonciño dos teus soños (cinema familiar) e Bohemian Rapsody (cinema actual).
As entradas serán de balde e para acceder a cada unha das películas é preciso rexistrarse na web barbanzarousa.gal.