O Concello de Noia traballou esta semana na saúde e o coidado das palmeiras do paseo da Alameda, consistindo as tarefas na aplicación dunha nova dose do tratamento preventivo contra o picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus) nas ditas árbores e na súa contorna. No cuarto ano de actuación contra este insecto, o Concello aplicou neste mes de xullo a segunda das tres doses que corresponde facer cada ano.

Grazas a estes traballos, o Concello noiés mostrou o seu convencemento en ter sido quen de deter “os efectos devastadores que o picudo vermello está a causar na comarca”.
Máis polo miúdo, este tratamento fitosanitario aplicouse nas palmeiras situadas na Alameda, nos Xardíns de Felipe de Castro, diante do IES Virxe do Mar e do pavillón Agustín Mourís.
Para quen non o saiba, o Rhynchophorus ferrugineus é un coleóptero orixinario do Sueste Asiático e Polinesia, e está con nós dende hai máis de dúas décadas, afectando a varias especies de palmeiras. Os principais efectos da presenza desta especie invasora son es esborrallamento das follas centrais da árbore, que murchan e caen ao chan, até ficar a palmeira, avanzada a doenza, sen follas nin pólas.