A zanfona volve escoitarse esta finde en Rianxo da man de aCentral Folque e o Concello

01 Xullo 2020

Esta fin de semana, Rianxo será máis ca nunca unha vila histórica. O motivo? A celebración dunha nova edición, a número dezaseis, do Encontro Internacional Zona de Zanfona (ZdZ), o festival que organiza cada ano na vila rianxeira aCentral Folque en colaboración co Concello (Área de Cultura). O encontro achégase como unha nova experiencia músico-histórica, adaptada á nova realidade de seguridade sanitaria, sobre a zanfona e os tempos nos que este instrumento reinaba en todos os panoramas musicais, dende os máis rexios até os populares. Haberá cursos, clases maxistrais e concertos. O Auditorio de Rianxo será o centro de operacións.

Como dixemos os días pasados, a nova edición de Zona da Zanfona terá unha programación especial para cumprir cos protocolos de sanidade, hixiene e distanciamento físico que a situación require mais que non “desatenderá ás actividades fundamentais do seu programa”, informou a organización. A previsión é xuntar novamente músicos especialistas no dito instrumento e ofrecer unha destacada axenda concertos, cursos e convivios arredor da zanfona. A programación deste ano pivota sobre tres eixos: concertos de balde, cursos de aprendizaxe e actividades online (en inglés para audiencias non presenciais).

Segundo engaden dende aCentral Folque, os concertos atenden a un criterio de especialización (o virtuoso Efrén López e as músicas mediterráneas, que actúan o venres 3 no Auditorio, a partir das 22.30 horas), do popular (o repertorio tradicional galego do dúo Sobre Rodas -que actúan o venres ás 22.30 horas- e a dramaturxia de Os Monifates -que estarán no Auditorio o sábado 4 ás 22.30 horas) e das novas expresións recreadas (o trío É Romance sobre o romanceiro tradicional ibérico, que estarán no Auditorio o sábado ás 22.30 horas).

Esta edición non contará co apartado Palco Aberto, a mostra-exhibición das escolas de zanfona do país.

Os concertos son de entrada libre e este ano deben ser con reserva do billete previa aos concertos, que, ademais, terán o aforo limitado e e contarán con medidas para garantir a distancia física entre os espectadores.

Os cursos de interpretación terán igualmente prazas limitadas. Serán o de iniciación con Óscar Fernández (para o que non se precisa instrumento propio pois empresta a organización) e de especialización con Efrén López.

No capítulo de novidades, o programa achegará un curso de construción de zanfonas, conducido polo artesán Suso Gestal. Así nolo explican dende Folque: “Seguindo os planos achegados en aberto por Jaap e Fay Brand do seu modelo denominado Nerdy Gurdy, a equipa do Zona da Zanfona coa axuda inestimábel de Suso Gestal, desenvolveu un instrumento básico para ser montado nos dous días que dura o curso para asegurar que cada participante leva a casa unha zanfona funcional canda a aprendizaxe do xeito de facela”.

Outra novidade deste ano será o programa da ZdZ Dixital: actividades de divulgación especializada para unha audiencia internacional emitidas por Internet. Será unha aula maxistral con Steve Tyler, zanfonista inglés de longa traxectoria artística e unha palestra sobre cordas históricas e modernas coa canadense Tobie Miller, intérprete especializada en repertorio barroco para zanfona.

A organización tamén recorda que ZdZ continúa coa divulgación de repertorio zanfoneiro coa terceira entrega do Cancioneiro #ZdZ, publicación de acceso gratuíto e descarga libre que pretende ser unha escolma de cancións coas contribucións dos docentes de escolas galegas do dito instrumento para ter un repertorio común de cancións populares e simples para todos os niveis. Este repertorio xa se pode descargar da Rede.

Quen queira consultar os detalles do programa pode facelo na web de aCentral Folque.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Carta a los visitantes” – Manuel Domínguez

“Carta a los visitantes” – Manuel Domínguez

Carta a los visitantes, viajeros, casi residentes, propietarios, que han decido pasar el verano o las fiestas en esta nuestra Barbanza. No me parece a mí adecuado llamaros turistas, pues quien viene un año, regresa al siguiente y el embrujo, el enamoramiento de estas...