Un total de 70 gravados a punta seca creados por Manuel Ayaso e imprimidos por Rosana Calvo e Costa Beiro no taller do Museo do Gravado de Artes comprenden a nova exposición que, ata o 29 de agosto, pode ser
visitada no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira. O seu título, “Reflexos da Costa da Morte”. Este mediodía tivo lugar un acto de apertura que, pese as limitacións de aforo, non por elo estivo exento de emoción, ata o punto de que o evento mudou nunha calorosísima homenaxe ao pintor nado en Aguiño en 1934.
“Fixemos aínda por el todo o que merece?”, foi a pregunta que se fixo Manuel Cartea ao principio da súa intervención antes de percorrer a
biografía de Ayaso dende a súa nenez na localidade aguiñense —na que unha enfermidade lle provocou altas febres e alucinacións—, a súa emigración aos Estados Unidos con trece anos, a súa formación en Belas Artes no país norteamericano e a súa traxectoria como creador, na que a morte do seu pai marcou un antes e despois en canto o seu estilo posto que foi entón cando o autor “perdeu o medo a morte” e as súas obras comezaron a rexistrar unha explosión de cor.
O propio Ayaso precisou que a enfermidade que tanto influíu en que se decantara pola carreira artística foi unha pleura mal curada que deviu en tuberculose e recordou algunhas das súas vivencias, como cando en 1956 trabou relación con Salvador Dalí, quen lle aconsellou: “Manuel, tú eres gallego y tienes que representar en Galicia”.
En canto ao alcalde Manuel Ruiz, que pechou o acto (fora aberto pola concelleira de Cultura María Sampedro), coas súas palabras quixo recoller o guante lanzado por Manuel Cartea coa súa pregunta e anunciou que consultará cos grupos da Corporación realizar algo que faga perdurable no tempo o nome e a obra de Manuel Ayaso. “Igual que os grandes artistas teñen o seu padroado ou a súa fundación, creo que tiñamos que ir traballando todos pola Fundación ManuelAyaso”, declarou.
O dúo saxofonístico formado por María Núñez e José Fungueiriño, do Conservatorio Enrique Paisal de Ribeira, puxo a nota musical ao acontecemento tanto ao principio como ao final do mesmo.
“Reflexos da Costa da Morte” pode ser visitada de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 21 horas. O máximo de aforo permitido serán 50 persoas. A mascarilla será obrigatoria.