A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou esta mañá o peirao de Cabo de Cruz, en Boiro, onde comezou a fase final de instalación dos módulos do pantalán para mexilloeiros coa instalación de dous dos tres últimos módulos construtivos. A semana pasada quedaron instalados definitivamente tres módulos polo que, cos dous novos instalados hoxe, só resta un último bloque para rematar completamente a construción. Está previsto que esta peza chegue nos próximos días e o remate das obras prevese para o vindeiro mes de agosto. Os traballos contan cun orzamento de cinco millóns de euros e consisten fundamentalmente na instalación de pantaláns de formigón armado con núcleo de flotación de poliuretano expandido e fingers de aluminio para o atraque de embarcacións de acuicultura cun francobordo de 90 centímetros que facilita o acceso ás embarcacións. Nesta dotación habilitaranse 100 prazas de amarre para a frota de acuicultura, con esloras comprendidas entre os 14 metros e os 22 metros.
Amicos pecha o proxecto Pola Costa #OTeuXacobeo cunha xornada ambiental no Camiño de Santiago do Barbanza
O proxecto Pola Costa #OTeuXacobeo celebrou onte, 22 de outubro, unha xornada de convivencia, natureza e compromiso ambiental cunha actividade de plogging (exercicio físico máis coidado do medio natural) na contorna do Camiño de Santiago A Orixe. A iniciativa reuniu...



