
O delegado territorial da Coruña, Ovidio Rodeiro, mantivo na mañá deste 20 de maio un encontro por vídeo-conferencia cos alcaldes da comarca do Barbanza, cos que están aprobados os convenios de prevención e defensa contra incendios forestais para a creación de brigadas municipais e de xestión da biomasa. Na xuntanza, na que participaron tamén os responsábeis do distrito IV, Ovidio Rodeiro agradeceu “o intenso traballo que levaron a cabo os bombeiros forestais e axentes ambientais, e que seguen realizando, de limpeza e desinfección dos exteriores dos centros de saúde e residencias situadas en concellos de menos de 5.000 habitantes”.
Tamén destacou que “desde o inicio do estado de alarma leváronse a cabo arredor de 900 actuacións de limpeza na provincia con intervalos de aproximadamente tres días para mellorar a seguridade destes edificios públicos”. E engadiu: “O seu traballo foi fundamental nos momentos máis difíciles da crise porque non se deixou a ningún concello sen a desinfección que se precisaba”.
O delegado territorial debullou igualmente os convenios vixentes de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e os concellos. No caso concreto desta área, subscribiron estes convenios os municipios de Boiro, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Serra de Outes, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo e Ribeira. A través destes convenios apóiase a creación de 13 brigadas con 65 compoñentes nesta área e contarán con 7 motobombas. Ovidio Rodeiro engadiu que “algúns dos concellos xa contan con estes equipos e outros farano nas vindeiras semanas para levar a cabo traballos de prevención e para actuar no caso de que se produzan incendios forestais”.