
O importante labor solidario e de asistencia que están a desenvolver en Ribeira, durante o Estado de Alarma, o Grupo de Apoio e Emerxencias Municipal (GAEM) e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil centrou boa parte dos asuntos tratados na sesión deste mércores 22 da Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19 do Concello de Ribeira. Segundo se fixo saber, as dúas entidades xa repartiron material escolar e didáctico en máis de 800 domicilios do termo municipal, material procedente dunha ducia de colexios locais. Estes recursos docentes, explicouse, resultan imprescindíbel para que a rapazada poida continuar coa formación durante o seu confinamento.
Nun plano máis concreto, na sesión fíxose saber que na mañá deste 22 de abril principiaba a entrega de material a 200 familias do colexio A Milagrosa de Oleiros e a 4 de A Capela de Carreira, ao que hai que sumar os repartos xa efectuados (nalgún caso, en máis dunha ocasión) nos IES Leliadoura e Número 1 e aos colexios Heroínas de Sálvora de Aguiño, Frións, O Grupo, Pé do Corniño, Artes, Bayón, Palmeira e Olveira.
Agradecementos a JEALFER e Mariño Informática
Na comisión tamén se deu conta dunha importante doazón de tela doada pola empresa boirense JEALFER, destinada a confeccionar unhas 15.000 máscaras, contribución pola que os integrantes do grupo de traballo ribeirense mostraron o seu agradecemento. Como tamén lla mostraron á firma local Mariño Informática, que entregou dispositivos tecnolóxicos para o Banco de Préstamo de Ordenadores con destino a alumnado do municipio.
O grupo da comisión recordou a este respecto que segue operativo o número de teléfono para canalizar a solidariedade tecnolóxica: 981 870 933.
Prosegue o reparto de máscaras
Tocante ao reparto domiciliario de máscaras, este mércores 22 estanse a distribuír en Palmeira principiando pola zona de Laguiña e Esteirón. Unha vez conclúa esta parroquia só restarán por ser obxecto de distribución as dúas máis poboadas: Aguiño e Santa Uxía.
O Concello lembrou que “se algún veciño ou veciña das parroquias onde xa se pasou non recibiu a súa mascarilla pode poñerse en contacto con Protección Civil no número 981 876 029”.
Un último punto da comisión foi a adhesión á campaña Coidamos a túa enerxía de Naturgy en virtude da cal os membros da Policía Local e o GAEM que o desexen poden recibir durante un ano servizo gratuíto de avarías de enerxía, como luz, gas ou electrodomésticos.