O Concello de Rianxo deu a coñecer estes días no seu Facebook dúas novidades importantes relativas ao COVID-19, o Estado de Alarma e a complexa situación social e sanitaria pola que está pasando a poboación, tanto a que está confinada nos seus fogares, como a que está nos hospitais e, tamén, a que loita directamente para que o número de falecementos e contaxios sexa o menor posíbel. Segundo informou o Goberno local, os días pasados recibiuse “unha doazón anónima” de material para facer unhas 2.000 máscaras de protección.
O equipamento, malia todo, non pode ser usado decontado, xa que as máscaras veñen pre-cortadas na parte exterior e interior polo que habería que coselas e poñerlle a fita elástica. Co fin de avanzar no seu remate e conseguir que estean prontas para ser empregadas polo persoal sanitario ou polos traballadores dos concellos, púxose en marcha unha acción de voluntariado. O Goberno local, que anima á cidadanía a botar unha man para poñelas a punto, sinala que as persoas interesadas só teñen que mandar unha mensaxe ao Concello para participar.
Respecto da outra novidade, trátase dun acordo das forzas políticas do Concello de Rianxo para colocar dende este primeiro de abril as bandeiras do Consistorio a media hasta en sinal de “memoria e solidariedade coas vítimas rianxeiras do coronavirus e as súas familias”. A homenaxe, sinalaron, esténdese a todas as persoas falecidas e as súas familias “nestes tempos de dificultades que tocaron vivir máis coa esperanza de xuntos, como colectividade, saír adiante”.