A agrupación SumaRibeira vén de pronunciarse acerca do topónimo de Ribeira e a recente aceptación integral de “Ribeira” como forma correcta, logo de anos de comunicación institucional local defendendo a forma incorrecta “Riveira”, unha variante que respondeu, durante moitos anos “a comportamentos acientíficos e exclusivamente emocionais”, explica o colectivo que coordina Xurxo Ferrón, engadindo que o estudio-ditame encargado en 2019 para determinar a forma axeitada do topónimo foi un traballo do que xa sabía dende moitas frontes cal ía ser o resultado.
En palabras de SumaRibeira, “atrás quedarán decenios de mal sementar de algúns e negacionismo da evidencia científica”, acusando de mala fe ás persoas “que sempre pensaron que a mellor maneira de contribuír humildemente á aínda necesaria normalización lingüística do noso idioma era aceptar e defender as necesarias propostas de consenso das institucións da lingua galega”.
SumaRibeira láiase no seu comunicado dos recursos, os esforzos e o tempo estragado en teimar na comunicación incorrecta (“Canto se leva malgastado tanto en valor material e inmaterial na defensa numantina da ‘v’?”, pregúntase), e das oportunidades de promoción perdidas para o “mellor e maior coñecemento do noso concello de Ribeira nas buscas en Internet”.
A raíz de todo o devandito, a agrupación require que o logotipo do concello sexa adaptado aos novos tempos, froito da consulta e da decisión democrática entre todas e todos, “fuxindo de propostas que esteticamente se inspiren ou lembren intereses partidarios”.
Finalmente, o grupo solicita que o Concello encargue un informe de avaliación do custe económico que suporá a substitución da “uve”, e “do potencial beneficio perdido en repercusión mediática ao
longo dos anos deste período democrático o dobre uso das dúas formas”.
Asemade, a agrupación require datos sobre a contía requirida para o informe da Real Academia Galega e “do acto de solemne presentación pública do moi previsíbel informe” sobre os porqués de que Ribeira deba ser escribo con “b”.