Ribeira homenaxeará no Día Internacional da Muller ás condutoras e transportistas

02 Marzo 2020

O 8 de marzo conmemórase o Día Internacional da Muller e, con tal motivo, Ribeira albergará durante esta fin de semana diversas actividades e homenaxeará ás mulleres condutoras e transportistas do municipio. Así o deron a coñecer esta mañá a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ana Ruiz, e a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Dolores Crujeiras.

O Concello leva case dúas décadas homenaxeando a mulleres integrantes de diferentes colectivos profesionais e sociais, decantándose nesta ocasión polo das condutoras e transportistas, un sector no que, tal e como sinalou Dolores Crujeiras, o papel feminino permanecía invisible ata hai pouco. Neste senso, conseguiuse contactar cunha vintena de representantes que estarán no salón de plenos do Consistorio o sábado 7, ás 11.30 horas, para protagonizar un evento no que recibirán un obsequio e un diploma conmemorativo. A este respecto, se algunha transportista ou condutora local, presente ou pasada, non recibiu a chamada do CIM pode poñerse en contacto co departamento a través do teléfono 981874131 ou do enderezo electrónico cim@riveira.com.

Máis polo miúdo, a programación organizada directamente polo Concello arrancará o venres 6 coa función teatral Chola, a it girl, da compañía ArtesaCía, que se representará no Auditorio municipal, ás 20.00 horas. A peza ten como protagonista a unha condutora do rural que se fai blogueira e youtuber.

O sábado 7, tras a homenaxe ás condutoras e transportistas prevista para as 11.30 horas, efectuarase na praza do Concello, ás 12.00 horas, unha exhibición de deporte en igualdade materializado en tres disciplinas que ata tempos recentes non se vinculaban socialmente coa muller, tales coma o boxeo, crossfit e kick boxing.

Paralelamente, a través do Departamento de Normalización Lingüística terá lugar na Biblioteca municipal, ás 12.00 horas, un contacontos musicado titulado Lúa triangular. Nada é imposible!, con Eli Ríos e Jara Ortiz. E os actos volverán á praza do Concello, ás 13.00 horas, para proceder cunha lectura poética de versos de Rosalía de Castro.

Finalmente, o propio 8 de marzo, Día Internacional da Muller, desenvolverase a actividade Violetas, consistente en animación de rúa para o empoderamento feminino no que se convidará á cidadanía a expresar o que é unha muller segundo o seu criterio, colgándose en siluetas as distintas respostas. Esta acción estenderase desde as 11.30 ata as 14.30 horas no paseo do Malecón, a praza de Porta do Sol e o parque García Bayón.

Todas estas propostas son de balde e aproveitarase para promocionar o Centro de Información á Muller (CIM) mediante o reparto de distintos obxectos como chapas ou bolsas da compra reutilizables. Así mesmo, o Concello colabora nos eventos organizados por outras entidades coma, por exemplo, a asociación Mulleres en Acción.

Por outra banda, ao longo de todo o ano desenvólvense actividades coeducativas nos diversos centros educativos do municipio. De feito, anunciouse que o próximo curso se realizarán obradoiros en relación á afectividade sexual, destinados aos últimos cursos de Primaria e ao alumando da ESO. Ademais, xa se está traballando en impartir neste 2020 talleres dirixidos a mulleres, coa intención de repetir a experiencia dos tres cursos que se ofertaron o pasado ano enmarcados no programa Artes-Terapias (Coaching e biodanza para o empoderamento feminino, Arte & SaúdeTeatro-Vida para Mulleres) recuperando tamén o de risoterapia.

Outros artigos

A Curota énchese de bandeiras galegas nunha caravana patriótica

A Asemblea Intercomarcal de Mulleres do BNG Barbanza–Muros Noia organizou este domingo 13 de xullo pola mañá unha caravana patriótica que partiu ás 11.30 horas desde A Pobra do Caramiñal con destino ao miradoiro da Curota, dentro da programación de actividades previas...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Vivenda e administracións públicas” – José Manuel Pena

“Vivenda e administracións públicas” – José Manuel Pena

Somos moitos os que cada vez estamos máis convencidos de que o problema da vivenda se utiliza como cuestión política e electoral pero non hai unha vontade real en buscarlle unha solución a miles de familias que teñen moito problemas para atopar unha vivenda...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.