Ribeira autoriza un gasto mínimo de 100.000 euros para emerxencias e activa un concurso para estimular o talento e axudar ao comercio

24 Marzo 2020

A sesión deste martes 24 de marzo da Comisión de Seguimento da Evolución do Coronavirus do Concello de Ribeira acordou aprobar un gasto mínimo de 100.000 euros (que se pode ampliar conforme as necesidades que provoque a pandemia) para “afrontar as situacións de emerxencia que se estean a dar no termo municipal”. Da dita contía, 10.000 euros van ser destinados con carácter inmediato a produtos alimenticios para que sexan repartidos por dúas organizacións benéficas habituais colaboradoras cos Servizos Sociais do Concello: Cáritas Parroquial e ICE Renovación. Amais, acordouse pór en marcha un concurso, o certame AnimArte na Casa, para facer o máis levadío e creativo posíbel o confinamento das persoas nos seus fogares, ao tempo que se mitigan no comercio local os efectos do estado de alarma.

Este concurso virá cunha partida de 20.000 euros, dos cales 5.000 irán destinados aos gañadores do certame (hai 10 categorías cada unha das cales contempla 3 tramos de idade: 30 subcategorías en total) para que o invistan no comercio e a restauración local unha vez cese o confinamento. Os 15.000 euros restantes estarán dedicados a vales de compra que se sortearán entre os participantes no concurso coa mesma finalidade.

No que se refire aos agradecementos, na sesión da Comisión deste martes quíxose enxalzar a cooperación ofrecida pola Confraría de Pescadores de Riveira, o Colexio Bayón, e as empresas Asia Star, Benito da Bouza e Parranda por pór a disposición do concello e da veciñanza diverso material para contribuír á loita contra o COVID-19.

Asemade, os participantes deron a coñecer a posibilidade de habilitar, en caso de que fose preciso, un espazo axeitado para todos aqueles profesionais voluntarios que están a ofrecer a súa axuda na confección de máscaras, “a fin de que exerzan este labor en perfectas condicións hixiénicas e con tela homologada”.

Outra das cuestións que se propuxo foi estudar a posibilidade de contar cun camión isotérmico para subministro de menús entre a xente que o necesite, así como o posíbel emprazamento de carros solidarios nos supermercados en colaboración coas entidades colaboradoras de Servizos Sociais.

Para rematar, informouse da creación dun Centro de Coordinación entre a Policía Nacional e Local que se reunirá a diario baixo a presidencia do alcalde antes da Comisión de Seguimento da Evolución do Coronavirus.

Detalles de AnimArte na Casa

Categorías:

1. Artes plásticas (debuxo ou pintura)

2. Fotografía desde casa

3. Conto infantil ou relato (escrito)

4. Conto infantil ou relato (oral)

5. Poesía (escrito)

6. Poesía (oral)

7. Cómic / banda deseñada

8. Peza musical

9. Artes escénicas (vídeo curto)

10. Artes escénicas (vídeo longo)

Haberá tres treitos de idade: ata 10 anos, de 11 a 17 anos e de 18 en diante, o que fai un total de 30 subcategorías. O concurso durará mentres se prolongue o estado de alarma.

Obxectivos e bases do certame

O obxectivo de AnimArte na Casa é axudar ao comercio local que, en palabras da Comisión, “está sufrindo os efectos da pandemia do coronavirus” ao tempo que se entretén á xente mentres permanece confinada.

As creacións deberán enviarse a partir deste xoves 26 de marzo ao enderezo electrónico culturaefestexos@ribeira.gal ou ben por Whatsapp ao 638 523 560. Poderá participar calquera veciño ou veciña do municipio, maior de idade (aínda que a creación sexa dun menor) enviando a súa creación (en formato vídeo ou fotografía segundo sexa o caso) acompañada de nome e apelidos, número de DNI, lugar de residencia, título da creación e teléfono de contacto ao enderezo electrónico antes sinalado, entendendo que o envío das contribucións testemuña que son orixinais e inéditas á vez que autoriza ao Concello de Ribeira á súa divulgación cos fins propios desta actividade.

As creacións serán publicadas no perfil de Entérate do Facebook coa finalidade de que calquera persoa interesada poida entreterse coa súa visualización. Sempre irán acompañadas do cancelo #euquedonocomerciolocal.

As creacións que máis gústame reciban en cada subcategoría serán as gañadoras.

Coas obras máis destacadas de todas as enviadas, a Concellería de Cultura realizará un festival presencial así como unha exposición nunha data a determinar unha vez rematado o confinamento.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión