Rianxo será unha gran festa choqueira entre os días 21 e 29 de febreiro

14 Febreiro 2020

Rianxo foi e é un referente no Entroido, non só pola historia que ten detrás, senón tamén polos presentes (altos) niveis de actividade festeira acadados polo veciñanza nas diferentes citas de febreiro. Proba de todo isto é o completo programa de actividades deste ano, do que xa puidemos coñecer algúns dos detalles principais. Segundo tivemos ocasión de comprobar, as celebracións concentraranse en diferentes emprazamentos (sobre todo) entre os días 21 e 29 de febreiro. O comezo virá marcado pola Festa do Entroido do 21 de febreiro, organizada pola Asociación Festival Rock In Rian na praza Castelao, a partir das 23.00 horas, con carpa incluída.

Ao día seguinte, o sábado 22, no mesmo emprazamento e mesma carpa da praza Castelao, celebraranse as Olimpíadas Pallasas de Peter Punk (xogos, probas e actividades diversas dirixidas ao público familiar), cuxo prazo de inscrición abrirase ese mesmo día ás 16.00 horas. Esta actividade virá da man da Comisión de Festas Virxe do Carme de Rianxo.

Na noite do sábado 22, tamén na carpa do Entroido da praza Castelao, actuará a partir das 22.30 horas a charanga Cada un con quen veu. Tamén haberá un baile de Entroido amenizado polo grupo Pantuma-K e Mínimo Eventos. Organiza a Comisión de Festas Virxe do Carme.

Ao día seguinte, domingo 23, a praza de Castelao será (a partir das 17.30) novamente o epicentro festeiro, coa celebración do Certame de Carrozas e o desfile que recalará na praza dende a zona portuaria. Haberá tres premios de 800, 600 e 400 euros e até 5 accésits de 150 euros. Tamén están previstos obradoiros e xogos diversos na carpa do Entroido, un espectáculo de animación de rúa (O Mundo do Circo) da man de Troula Animación e máis un sorteo de agasallos entre as persoas disfrazadas.

O luns 24 desenvolverase no Pavillón Polideportivo de Rianxo a actividade De-porte Choqueiro, organizada pola Concellería de Deportes, entre as 16.30 e as 19.30 horas.

O martes 25 volvemos á praza Castelao, á carpa do Entroido, para participar noutro programa de obradoiros e xogos a partir das 17.00 horas.

O mércores 26, será a quenda do Toribiño, o histórico monifate rianxeiro, que será enterrado a partir das 20.00 na praza Castelao e que participará na tradicional procesión festeira polas rúas de Rianxo até a contorna portuaria (zona de queima). Organiza a Asociación Festival Rock in Rian.

A festa oficial rematará o sábado 29, en Taragoña (Campo de Pasos a partir das 17.00 horas, con inchables, obradoiros e concursos de carrozas organizados pola veciñanza), e máis en Araño (coa Festa do Cocido a partir das 21.30 horas no Centro Cultural de A Capela, que inclúe cea e baile, e que está organizada pola Asociación A Carballeira de Baia).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...