
Calquera que se achegue estes días ao faro de Corrubedo poderá detectar actividade relativa aos traballos de acondicionamento do histórico edificio de sinalización marítima para convertelo en complexo turístico. De feito, todos os edificios que forman parte do proxecto (o faro, a casa do fareiro e o edificio da sirena) están xa cercados por un valado de obra que impiden aos visitantes achegarse aos inmóbeis. Os labores estanse a centrar nas catas para verificar “o estado de saúde” dos inmóbeis e do solo no que se asentan. O investimento é dun millón e medio de euros e a previsión é de que o complexo estea operativo antes de que remate 2020.

Como lembraremos, a transformación do faro recibiu en outono o visto bo definitivo da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, da que dependen estas infraestruturas. Este respaldo, que chegou logo dunha longa paréntese administrativa, culminou no novo ano co inicio dos traballos de acondicionamento, acometidos por Construcciones Método. O obxectivo: converter os edificios anexos da torre nun hotel de catro estrelas (o inmóbel da sirena e a antiga casa do fareiro) e a torre de sinais principal nun restaurante e recepción. Tralo proxecto atópase o empresario ribeirense Anxo Rodríguez.
As orixes da iniciativa hostaleira
Construído en 1852 e proxectado por Celedonio de Uribe, o faro de Corrubedo avanza a paso firme cara a unha nova andaina turístico-hostaleira que complemente a súa aínda vixente faceta de recurso para a circulación marítima: o proxecto para convertelo en restaurante (o faro) e hotel (a casa do fareiro e o edificio da sirena). A persoa encargada de sentar as bases desta nova andaina é o empresario local Anxo Rodríguez, xerente dos cámpings Ría de Arousa. O seu proxecto inclúe o acondicionamento dun restaurante, un quiosco e un hotel cunha ducia de habitacións. A súa proposta tamén acubilla a posibilidade de habilitar un centro social noutro dos edificios anexos, de pequenas dimensións, e unha xeadería-cafetería noutra das construcións.
A iniciativa para a posta en valor do faro e da súa contorna foi desenvolvida co estudo de arquitectura GOC, con sede na Coruña, que acompañou o plan de traballo cun marcado “carácter local” e un compromiso coa arquitectura e o mobiliario tradicional galego, neste caso a arquitectura e o mobiliario tradicional das construcións costeiras. Iso si, dándolle unha viraxe de reinterpretación e actualización (do que se trata é de reivindicar a tradición como “indicativo de calidad”).
Amais da vertente hostaleira, gastronómica e turística, os traballos a realizar contemplan tamén a mellora da contorna, garantindo a accesibilidade nunha área de arredor de 20.000 metros cadrados e ligando uns edificios con outros a través de pasarelas de madeira. Por outra banda, brindaráselles aos visitantes (clientes ou non) a posibilidade de acceder ao interior do faro (que será tamén un pequeno museo) é a súa terraza. Nesta, o proxecto inclúe a posibilidade de ampliar o servizo de hostalería.