Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, A Pobra do Caramiñal será escenario de numerosas actividades que se desenvolverán non só nesa xornada, senón ao longo de todo o próximo mes. Unha programación focalizada na sensibilización, concienciación e reivindicación. Así o desvelaron este mediodía o alcalde Xosé Lois Piñeiro; a concelleira de Igualdade, Charo Varela; a asesora xurídica, María Pérez; a psicóloga da Área de Igualdade, Paula Tubío; e Sara Pardavila e Marta Sánchez, en representación de Batukabras.
A edil Charo Varela destacou a importancia desta data, facendo fincapé en que “temos que seguir conmemorando, dado que, a pesar de que as mulleres seguimos abrindo espazos e conseguindo cambios significativos, eses cambios non son todos nin son para todas. A desigualdade, a lacra das violencias machistas, a precariedade laboral seguen marcando a vida de moitas mulleres, tanto no noso concello coma en toda Galicia, España e no resto do mundo.” Neste senso, tamén se referiu á corresponsabilidade nos traballos de coidados, a cal “segue sendo unha materia pendente”, así como a conciliación. En canto a isto último, lembrou que hoxe pecha na Pobra o campamento de conciliación do Entroido, o cal dispuxo de comedor e Plan Madruga, en horario de 07.30 a 16.00 horas.
No que respecta ao 8 de marzo, a praza Maior albergará, ás 12.30 horas, unha batukada feminista coa colaboración de Batukabras. As representantes deste colectivo fixeron un chamamento para que a cidadanía, tanto mulleres coma homes, se sume e leve consigo algún utensilio co que facer percusión. O cometido desta acción, segundo manifestaron, “é facer ruído para resaltar a importancia do feminismo hoxe en día e da muller neste 8 de marzo.” Pola tarde, o dúo Aldaolado, formado por Lucía Aldao e María Lado, subirase ás táboas do Elma, ás 20.00 horas, para a representación do espectáculo O Benquerer(se), centrado na igualdade de xénero. En relación a isto, María Pérez salientou que “conseguen facer dun recital un acto atractivo, próximo e divertido para todo tipo de público.”
Como novidade, este ano incorpórase a iniciativa Cafés feministas. En horario de 11.30 a 13.30 horas, esta proposta constará de catro sesións que terán lugar os sábados de marzo na aula de estudo situada na planta superior da Biblioteca municipal. A xornada do 7 focalizarase na Sexualidade dende o bo trato da man de Sabela Maceira e Melisa Silva, ambas sexólogas de Con mucho gusto!. A artista e docente Andrea Jambrina falará A Memoria Omitida: Mulleres na arte, o 14. Mentres tanto, O movemento feminista en Galicia correrá a cargo da activista Sara Outeiral, o 21. E, o 28, a psicóloga Paula Tubío achegará Tecendo a Rede Lila. Tal e como explicou a propia Paula Tubío, co formato escolleito pretenden “romper un pouco a barreira relatora-público, buscar un espazo máis informal no que se xere unha conversa como se podería facer nunha cafetería, buscando ese concepto, ese ambiente.”
Así mesmo, o Auditorio do Museo Valle-Inclán dará cabida o día 4, ás 18.00 horas, á xornada Detección de abusos sexuais na escola, dirixida a todo o profesorado de Infantil e Primaria no municipio pobrense. Nesta ocasión, tamén será o equipo da Concellería de Igualdade quen imparta esta acción, resultando de interese porque, segundo precisou Paula Tubío, “os abusos sexuais na infancia danse nunha porcentaxe moitísimo máis alta do que se pensa” e que, a pesar de ser cifras difíciles de concretar, afectan ao redor dun 20% da poboación, adoitando producirse en ámbitos próximos, especialmente o familiar. Deste xeito, os asistentes ao coloquio recibirán pautas para poder facer saltar a alarma de existir algún caso entre o alumnado, ademais de facilitarlles o protocolo a seguir.
Pola súa parte, o rexedor Xosé Lois Piñeiro insistiu en que as actividades non se celebrarán exclusivamente o 8 de marzo, “senón que facemos unha programación máis ampla que dura todo o mes e que ten distintos apartados.”