Os concellos do Barbanza contribúen con ducias de tesouros ao portal Patrimoniogalego.net

17 Xaneiro 2020
Os palcos da música de San Ramón de Bealo, en Boiro

A plataforma Patrimoniogalego.net, o catálogo social da nosa riqueza inmóbel (un espazo colaborativo e documental para pór en valor os moitos tesouros patrimoniais dos nosos concellos: pazos, casas, cruceiros, fontes, castelos, ingresas, capelas, etc), comezou 2020 reafirmando o seu carácter referencial como a gran base de datos do noso autocoñecemento histórico. O portal, posto en marcha aló polo 2011 co mellor dos impulsos posíbeis (foi quen de superar, aos tres meses de andaina, os 200 bens inventariados), está neste intre poñendo todo da súa parte para acadar a destacada cifra dos 15.000 bens catalogados.

Entre as máis recentes incorporacións figuran as relevantes edificacións históricas de Escornabois (Trasmiras), o Pazo de Santa María de Vigo (en Cambre), o Castro da Touza en A Mezquita ou o Cruceiro de Ponte Goiáns (Boiro). Respecto das novidades tecnoloxías que cada pouco se incorporan á plataforma, á inclusión de fichas de fotogrametrías 3D materializada hai uns tres anos, cómpre engadir outra máis recente: a estrea dos mapas enfrontados, que é unha funcionalidade que permite coñecer a evolución do estado de conservación dos nosos bens a través da comparación simultánea entre as fotografías aéreas de 1956 e a actualidade.

A pegada do Barbanza

A contribución dos concellos da nosa comarca é moi relevante, non só pola gran cantidade de tesouros que inventariar e cuxa conservación e posta en valor cómpre reivindicar, senón tamén polo importante labor de rexistro e investigación despregado polos membros locais da comunidade de Patrimoniogalego.net, como por exemplo o palmeirense Manolo Gago, que foi, ademais, un dos grandes impulsores da iniciativa.

Por concellos, un dos que máis destaca en materia de cantidade e calidade de elementos visualizados é Boiro, que ten preto dun centenar de entradas, entre cruceiros, mámoas, pazos (por exemplo o de Goiáns), castros, casas grandes, igrexas (por exemplo a de Santa Baia) e capelas.

Polo que respecta a Ribeira, participa no catálogo con case medio cento de tesouros do seu concello, entre os que destacan o porto de Palmeira, o Faro de Corrubedo, a Igrexa de Palmeira ou o Pazo de Otero Goyanes en Ribeira.

Tamén salienta a presenza de Rianxo, que contribúe con case 70 elementos documentados ao detalle, entre os que se contan (por exemplo) o Pazo de Baltar a carón da praia de Tanxil, a aldea esquecida de Abuín ou o Cuartel Vello de Rianxo, entre outros moitos.

A Pobra do Caramiñal tamén vén sendo un dos concellos galegos máis sobranceiros no portal Patrimoniogalego.net, con 59 construcións e elementos documentados polo miúdo, entre os que se atopan monumentos tan relevantes como a Torre de Bermúdez, a Casa do Concello ou a Casa Grande de Aguiar.

O inicio do proxecto

Como dixemos, o portal Patrimoniogalego.net foi posto en marcha hai case unha década como un Sistema de Información Xeográfica (SIX) aberto a toda a cidadanía, independente e sen ningún ánimo de lucro, dado que ten como único fin “a preservación do patrimonio cultural galego”. Nel teñen participado unha serie de voluntarios, profesionais en distintas disciplinas, que decidiron sacar adiante este proxecto de xeito desinteresado a partir da creación da plataforma cidadá Eu participaría dunha Mesa polo Patrimonio de Galicia, xurdida na rede social Facebook a iniciativa do divulgador e profesor da USC Manuel Gago.
O equipo orixinario estaba integrado por Milagros Bará, Álex Bragaña, Soledad Felloza, Manuel Gago, Adela Oyonarte, Franjo Padín, Carmela Sánchez Arines, Elixio Vieites, Xosé Gago, Xurxo Salgado e Félix Aragunde.

Outros artigos

Os Reis Magos encheron de ilusión o Pavillón da Fieteira en Ribeira

A maxia e a ilusión invadiron esta tarde o Pavillón da Fieiteira en Ribeira, que acolleu finalmente, debido ao mal tempo, todas as actividades festivas relacionadas coa recepción dos Reis Magos tras suspenderse a Cabalgata. Miles de persoas non quixeron perderse o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A toda vela, outra volta!: non queda outra! ” – Antón Luaces

“A toda vela, outra volta!: non queda outra! ” – Antón Luaces

A fame obriga. Ou, o que ven ser o mesmo, a necesidade de reducir custes fai que experiencias acumuladas durante séculos, obriguen aos armadores de todo tipo de buques a repensar antes de investir na construción de novos buques: retornan as velas e, desta vez, non só...