A corporación municipal de Rianxo aproba instar ao Goberno central a aboar a débeda pendente a Galicia

31 Xaneiro 2020

Rianxo celebrou na tarde de onte a sesión plenaria ordinaria correspondente ao mes de xaneiro. Dentro da orde do día, a parte resolutiva incluía, entre outros puntos, a aprobación da acta extraordinaria urxente número 19/2019 do 26 de decembro de 2019, saíndo adiante por unanimidade. Seguidamente, procedeuse coa proposta da Alcaldía relativa á modificación da periodicidade das sesións do pleno, eliminando o de decembro e agosto por motivos administrativos e ao xa ter lugar os de carácter extraordinario. O asunto foi aprobado por unanimidade. A continuación, tratouse a delegación da instrución e recadación de sancións de tráfico na Deputación, saíndo tamén adiante por unanimidade.

En canto á parte de control, primeiramente efectuouse a dación de conta das resolucións de Alcaldía e das actas da Xunta de Goberno, así como a dación de conta das resolucións contraias a informes de Intervención e outros do exercicio 2018. O PP presentou unha moción para instar ao Goberno central a aboar a débeda pendente a Galicia. Neste senso, Tobías Betanzos, edil do BNG, solicitou a introdución dun punto no que a reclamación se inste xudicialmente. Despois de que a representante do grupo municipal popular a aceptase, procedeuse á votación, sendo aprobada por unanimidade.

As catro mocións restantes foron levadas a pleno por Rianxo en Común. No que respecta á creación da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia machista, resultou denegada ao contar co respaldo de Rianxo en Común, PP e Ciudadanos, votando en contra BNG e PSdeG-PSOE. A postura destes dous últimos grupos, fundamentábase, segundo explicou o rexedor Adolfo Muíños, en que non estaban en desacordo coa defensa do texto da exposición de motivos, pero “cremos que xa é redundante co acordo que xa tomou a Xunta Local de Seguridade promovida por este grupo de goberno, que tomou xa como acordo a creación desa mesa de coordinación interinstitucional.”

A moción sobre o escaparate virtual do comercio e hostalería local tampouco saíu adiante ao ter o apoio de Rianxo en Común, PP e Ciudadanos, pero votar en contra o BNG e PSdeG-PSOE. Estes últimos xustificaron o seu voto esgrimindo, tal e como expuxo a socialista María del Carmen Figueira, en que “xa forma parte dunha serie de medidas que estamos a preparar para despois informar aos comerciantes”, pero que agradecían a aportación. Pola súa parte, o mandatario local manifestou que “forma parte dun paquete de actuacións que se está negociando dun programa de traballo co comercio local a través da Cámara de Comercio de Santiago”, engadindo que “é o último dos chanzos dun traballo que hai que facer tamén de diagnose correcta da situación do comercio. Queremos tamén a implicación formativa e neses espazos do comercio local. Fai falta moito traballo previo antes de presentar unha ferramenta.”

En canto á emerxencia climática, tampouco foi aprobada ao contar cos votos favorables de Rianxo en Común, PP e Ciudadanos, votando en contra BNG e PSdeG-PSOE. Novamente, a socialista María del Carmen Figueira sinalou que “o Concello de Rianxo está facendo, na medida das súas posibilidades, e acometendo medidas que vaian cara a eficiencia enerxética”, ademais de que “xa estamos facendo todo o que na nosa man está para evitar que o cambio climático se produza dese xeito.” Ao exposto sumouse o alcalde Adolfo Muíños.

Así mesmo, denegouse a regulación da concesión de axudas económicas, espazos de titularidade municipal e apoio administrativo a entidades con criterios obxectivos. Esta cuestión contou unicamente co respaldo de Rianxo en Común e PP, absténdose Ciudadanos e votando en contra BNG e PSdeG-PSOE. A voceira de Ciudadanos, Sara Resúa, indicou que se abstiña porque “realmente non entendo as regulacións que quere facer.” Mentres tanto, a socialista María del Carmen Figueira expresou que “estando de acordo que é necesaria facer a función, parécenos que xa se está levando a cabo. Ou, ao mellor, temos que axilizalo máis.” Tobías Betanzos, edil do BNG, apuntou que “esta moción vén redundar en traballo que xa se está facendo por parte do goberno municipal. Ben é certo que, quizais, os tempos poden ser un pouco pausados e deberan acelerarse.”

Outros artigos

Julián Bustelo recibe ao novo xefe da Policía Local, Rafael Romero

O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, recibiu os días pasados a Rafael Romero del Rey, quen vai exercer transitoriamente a Xefatura da Policía Local de Rianxo trala vacante xerada pola saída do axente que viña asumindo esas funcións. As principais liñas de traballo...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“¿Qué es la democracia?” – Manuel Domínguez

“¿Qué es la democracia?” – Manuel Domínguez

La democracia termina siendo el “gobierno de la mayoría” La decisión de la mayoría se considera la adecuada, la justa, es representativa de la sociedad, la mayoría decide y se acepta, considerando, que en ella reside el conocimiento. Ejemplos, si tuviéramos que...

“Ni sumisión ni servilismo” – José Antonio Constenla

“Ni sumisión ni servilismo” – José Antonio Constenla

El próximo 13 de diciembre, el coronel de la Guardia Civil, Diego Pérez de los Cobos cumplirá 61 años y pasará a la reserva, ya que debido a las trabas y obstáculos del ministro del Interior, no ascenderá a general. En su discurso el Día del Pilar, Patrona del Cuerpo,...