A Xunta destina seis millóns de euros á modernización dos medios marítimos do Servizo de Gardacostas

14 Xaneiro 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo de relevo hoxe en Ribeira a importancia do Servizo de Gardacostas de Galicia e a firme aposta da Xunta para blindar e mellorar este organismo. Neste senso, a titular de Mar expuxo que nos orzamentos deste ano aumentan en máis dun 50% os fondos destinados á compra e modernización de embarcacións deste servizo ata superar os seis millóns de euros.

Así o explicou durante a visita á patrulleira Punta Falcoeiro, unha das cinco embarcacións previstas no proceso de renovación parcial da frota do Servizo de Gardacostas de Galicia. A referida patrulleira, que ten base en Ribeira, conta cunha eslora de 17 metros, unha manga de 5 metros e un calado de 0’85 metros, así como prestacións entre as que figura acadar os 36 nós de velocidade máxima.

Con ela, lembrou Rosa Quintana, son tres as patrulleiras lixeiras que xa foron entregadas ao Servizo de Gardacostas, pois súmase á Punta Promontoiro, con base en Celeiro, e á Punta da Guía, con base en Vigo. Ademais, durante a visita na que estivo acompañada polo subdirector xeral do servizo, Lino Sexto, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, a conselleira do Mar apuntou que hai unha cuarta embarcación deste tipo que está en construción e que terá a súa base na Coruña.

Estas catro patrulleiras lixeiras, subliñou, supuxeron un investimento de máis de 3’5 millóns de euros e son aptas para realizar tarefas de inspección e vixilancia pesqueira, control e apoio á frota, colaboración en operacións de busca e salvamento marítimo e participación en actividades de loita contra a contaminación mariña. A titular de Mar engadiu que a estas embarcacións súmase unha patrulleira de altura en fase de construción, a cal substituirá á Paio Gómez Chariño.

Con este plan de renovación parcial da frota de Gardacostas, salientou Rosa Quintana, o Executivo galego busca mellorar a loita contra o furtivismo, optimizar as operacións de rescate e salvamento e avanzar na loita contra a contaminación mariña.

A conselleira do Mar tamén lembrou que esta renovación da frota de Gardacostas se complementa coa mellora dos medios terrestres e a ampliación do cadro de persoal do organismo autonómico, que incorporou máis de 40 profesionais nos últimos anos para labores de inspección veterinaria e de loita contra o furtivismo. Ademais, compleméntase con accións de sensibilización social coma, por exemplo, a campaña Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear, desenvolvida nos veráns de 2018 e 2019 para concienciar a bañistas e turistas sobre a importancia do marisqueo e do dano que se causa ao extraer marisco de xeito ilegal dos areais.

Todas estas accións, incidiu a conselleira, están destinadas a impulsar o labor nos distintos eidos que abarca o Servizo de Gardacostas, un deles, destacou, o da loita contra o furtivismo. Neste ámbito, a falta de pechar os datos, o balance provisional do ano 2019 en Galicia reflicte que o ano pasado os gardacostas requisaron ao redor de 27.000 útiles e máis de 45.500 quilos de distintas especies de peixe e marisco.

Outros artigos

Lecer na Ribeira presenta as propostas culturais para o verán

Este luns 23 de xuño presentouse en Santa Uxía a programación cultural do verán, baixo a denominación Lecer na Ribeira, que engloba todas as accións da época estival, dende esta derradeira fin de semana do mes de xuño ata a primeira quincena setembro. Na presentación...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Premios Lois Peña Novo” – Xosé González Martínez

“Premios Lois Peña Novo” – Xosé González Martínez

Este ano as asociacións integrantes do Colectivo Galeguizar Galicia están a desenvolver moitas iniciativas novidosas para incentivaren o uso da lingua galega en todos os eidos nos que están presentes. Por poñermos un exemplo, a Irmandade Xurídica Galega, que celebrou...

“La historia de Fuente Seca” – Manuel Domínguez

Dejadme contar la historia de Fuente Seca . La pequeña aldea se estaba muriendo de soledad y abandono. El parque solitario, el silencio de la mañana y la tarde, tanto era así que hasta el rio no cantaba. La escuela cerrada, como cerrada la alegría de los viejos del...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.