Un abarrotado pavillón municipal de Barraña, no municipio de Boiro, viviu na tarde-noite do venres unha xornada especial: a cea de Nadal do grupo Jealsa e o 90 aniversario do seu presidente honorario e fundador, Jesús Alonso Fernández. Unha celebración á que asistiron os case 2.000 traballadores do grupo na comarca, sumándose o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo; o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro; o alcalde de Boiro, José Ramón Romero; e o secretario xeral de Anfaco, Juan Manuel Vieites.
Unha vez concluída a felicitación de aniversario en forma de canción seguindo os acordes interpretados pola Banda Municipal de Música de Boiro, o actual presidente da compañía e fillo do fundador, Jesús M. Alonso Escurís, anunciou a concesión do título de cidadán cearense ao seu pai, recoñecemento que foi aprobado pola Asemblea Lexislativa deste estado brasileiro onde se atopa situada unha das empresas do grupo, concretamente Crusoe Foods, a cal conta actualmente con máis de 400 empregados directos e que axudou a preto de 500 pescadores do estado para desenvolver unha próspera industria tradicional atuneira.
Tras visionar un vídeo que repasaba a traxectoria de Jesús Alonso e do grupo Jealsa, no cal se ensinaba, entre outros, a visita de diversas autoridades coma Fidel Castro ou o actual Rei emérito de España, proxectouse unha cinta que amosaba a traballadores das distintas empresas da compañía entoando A Rianxeira desde numerosos países de todo o mundo coma, por exemplo, Guatemala, Italia ou Brasil.
A continuación, interveu o rexedor boirense, José Ramón Romero, quen felicitou ao fundador de Jealsa e expresou numerosos agradecementos. De Jesús Alonso destacou o apoio ao sector conserveiro, porque “se hai traballo, hai vida.” Neste senso, fixo referencia á cantidade de emprego que leva xerando Jealsa ao longo dos seus anos de existencia. E respecto do capital humano, manifestou “seguide nesa liña de traballo para seguir medrando.” Tamén aproveitou a ocasión para dar a coñecer que, no pleno ordinario do mes de decembro celebrado o xoves 18, saíu adiante a proposta de outorgarlle unha rúa ao empresario, recoñecendo así o seu labor no sector, ademais do seu respaldo ao tecido social, cultural e deportivo.
Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comezou bromeando ao expresar que “nunca estiven nun cumpreanos con tanta xente.” De seguido, referiuse a Jealsa como un exemplo da competitividade das conserveiras galegas, que souberon apostar pola apertura aos mercados exteriores e pola innovación e a renovación constante. O responsable do Executivo autonómico sinalou que a empresa boirense se converteu ao longo destes anos nun axente impulsor de toda a zona litoral do Barbanza, xerando emprego e riqueza, con ao redor de 2.000 empregados en Boiro e máis de 5.000 en todo o cadro de persoal, demostrando que “triunfar non significa saír de Galicia.” En canto a Jesús Alonso, salientou que se trata dunha persoa “que fixo tanto en tan pouco tempo”, logrando “meter nun pequeno espazo o sabor de Galicia.” Así mesmo, subliñou a dimensión humana do empresario, describíndoo como “unha persoa adiantada ao seu tempo e un galego comprometido coa súa terra.”
Posteriormente, seguíronse amosando numerosas pezas audiovisuais e profundando nos datos do grupo. Deste xeito, volveu tomar a palabra Jesús M. Alonso Escurís, avanzando que se este ano que finaliza, a compañía inverteu 8’5 millóns de euros no Barbanza, na mellora continua da produción e a calidade; o 2020 será o das inversión en novas infraestruturas coma un novo frigorífico no polígono boirense que xa está en fase de construción, dúas novas plantas de envase -Bodión e Ceará-, unha nova fábrica para PetSelect e novas instalacións para o conxelado. Todo isto redundará en que a empresa poida aumentar a súa produción, seguridade da calidade, competitividade e un mellor servizo. Da mesma maneira, engadiu que, aínda que o ano que remata foi “un bo exercicio” cunha cifra de negocio de Jealsa de 670 millóns de euros e do grupo familiar de 775 millóns de euros, a compañía boirense aspira a seguir crecendo tanto en facturación coma en emprego, xa que, tal e como expuxo, “é a nosa prioridade. A nosa nai inculcounos que o primeiro son as persoas.” Por esta razón, o programa de Responsabilidade Social Corporativa de Jealsa, We Sea, ten entre os seus cinco pilares ás persoas. En canto a Jealfer, na primavera deste 2019 presentábase en Madrid a primeira colección prêt-à-porter de Pertegaz. Trátase dunha nova etapa para a primeira empresa creada por Jesús Alonso e que supuxo a entrada no sector da moda “pola porta grande.” No mes de novembro, asinábase un acordo con Jorge Vázquez para dirixir o equipo creativo que presentará a colección de inverno 2020-2021 na Madrid Fashion Week de xaneiro. Esta alianza supón tamén que a compañía conte agora con varias tendas en lugares estratéxicos da capital, así como un showroom e atelier. Segundo apuntou Jesús M. Alonso Escurís, “Viriato, Jorge Vázquez e Pertegaz van a ter unha decidida vocación internacional. Xa somos 102 persoas na moda. E todo fabricado en España.”