Os cogomelos convértense en protagonistas na Pobra

12 Novembro 2019

A Pobra do Caramiñal porá en valor os cogomelos a través da terceira edición das Xornadas Micolóxicas. Unha convocatoria que se estenderá desde o 13 ao 17 de novembro e que inclúe coloquios, obradoiros, saída ao campo e concurso fotográfico. Ao acto de presentación asistiron o alcalde Xosé Lois Piñeiro e a técnica de Medio Ambiente, Beatriz González.

O rexedor manifestou que se trata dun evento que vai mellorando ano a ano, “empezamos de maneira bastante sinxela cunhas charlas e unha saída, e pouco a pouco fomos incrementando o número de actividades.” Así, entre os obxectivos destas xornadas figuran dar a coñecer o mundo micolóxico, tanto para o seu aproveitamento culinario coma a súa importancia nos ecosistemas; a necesidade de conservar o patrimonio natural para que sigan medrando estes seres vivos; e concienciar á xente no que respecta á limpeza e coidado dos montes, así como a repoboación forestal.

Pola súa parte, a técnica de Medio Ambiente detallou as características desta cita que arranca o mércores 13 coa charla introdutoria Os cogomelos no medio natural, ás 20.30 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán. O xoves 14 terá lugar o obradoiro Cultivo do xénero Pleurotus, ás 20.30 horas, na aula de estudo situada na planta superior da Biblioteca municipal. Ventos-Estudos Ambientais será o encargado de impartir esta acción, onde os participantes elaborarán sacos de cultivo de Pleurotus ostreatus, que despois poderán levar para as súas casas, así como un tríptico coa información para o mantemento do citado saco. Para esta actividade requírese inscrición previa, pois disponse dun máximo de 25 prazas.

Enfilando a fin de semana, o venres 15 celebrarase no Auditorio do Museo Valle-Inclán, ás 20.30 horas, a conferencia As cantareláceas de Galicia, a cargo de Jaime B. Blanco Dios, presidente da Asociación Micolóxica Brincabois de Pontevedra. Na xornada do sábado 16, en horario de 11.00 a 13.00 horas, desenvolverase o obradoiro Conservación e propiedades dos cogomelos, impartido por Arenaria Coordinación e que ensinará diferentes métodos de conservación, ademais de comparar as propiedades nutritivas dos cogomelos con outros alimentos. A aula de estudo situada na planta superior da Biblioteca municipal acollerá esta actividade para a que se precisa inscrición previa ao dispoñerse dun límite de 25 prazas. Finalmente, o domingo 17 haberá saída ao campo con Jaime B. Blanco Dios, en horario de 10.00 a 13.30 horas. Posteriormente, procederase á exposición na Casa Mariñeira e entrega de premios do III Concurso Fotográfico, no cal “aumentou moito a participación, tanto de calidade coma de cantidade”, tal e como apuntou Beatriz González.

No que respecta á saída, o alcalde precisou que o máis probable é que se dispoña dun autobús para o desprazamento, razón pola cal necesitan unha previsión do número de asistentes. Ademais, o lugar exacto aínda está por determinar.

En canto aos obradoiros quedan prazas libres. As actividades son de balde e os interesados poden solicitar máis información ou inscribirse a través do enderezo electrónico medioambiente@apobra.gal.

Outros artigos

Aprazada pola previsión de mal tempo a IX Andaina Solidaria CONGALSA

Debido á mala previsión meteorolóxica que espera para esta fin de semana aprázase a IX/IX Andaina Solidaria CONGALSA. Respecto da data definitiva de celebración, a empresa da Pobra impulsora e patrocinadora da iniciativa explica nun comunicado que ao tratarse dunha...

+

O Castro da Croa xa é propiedade do conxunto da cidadanía pobrense

Como xa se avanzara na sétima edición das xornadas A Pobra do Caramiñal no Tempo, o Concello formalizou a compra do Castro da Croa. O alcalde e titular da Concellaría do Patrimonio, José Carlos Vidal, deu a coñecer este venres 4 de outubro tódolos detalles sobre a...

+

Luz verde xudicial ao plan de reestruturación de ACTEMSA

O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña acaba de notificar á empresa ACTEMSA a homologación do seu plan de reestruturación, o que significa, entre outras cousas que con efectos inmediatos a operadora de túnidos e peixe conxelado con sede na Pobra do Caramiñal...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión