O patrimonio e a paisaxe de Rianxo, ao detalle nun novo catálogo

25 Novembro 2019

O pasado 16 de novembro presentouse un importante proxecto de tecnoloxías libres ao servizo da conservación, reivindicación e divulgación no importante patrimonio dos concellos do Baixo Ulla, é dicir, dos municipios da Coruña e Pontevedra que lindan co dito río no seu esteiro en Arousa e teñen, polos seus vencellos co curso fluvial e a súa proximidade, unha rica historia compartida. Estamos a falar do catálogo dixital aberto Obaixoulla.gal, impulsado pola Asociación Os Penoucos para dar conta dos elementos patrimoniais, naturais e paisaxísticos dos concellos de Catoira, Dodro, Padrón, Pontecesures, Rianxo e Valga.

O obxectivo é documentar, clasificar e xeolocalizar os ditos tesouros dos concellos con mapas libres. A web, que será unha páxina dinámica, participativa e en constante evolución, segue o ronsel de contribucións tan salientábeis como Abeancos.gal (en Melide e a súa contorna) e Palleira.gal (Combarro). A orixe do proxecto está no traballo desenvolvido en Mugardos pola Comunidade O Zulo, do que tamén abrollou Aulturadauga.org.

O novo proxecto, o catálogo Obaixoulla.gal, xunta como dixemos tres piares fundamentais: patrimonio máis territorio máis paisaxe. “O noso obxectivo”, sinalan os impulsores, “é recoller nun mapa a totalidade do patrimonio cultural, natural e paisaxístico do territorio polo que discorre o río Ulla no seu treito baixo, antes de deixar de ser río e converterse en ría”.

A Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán

O proxecto arrincou a súa andaina cun bo número elementos catalogados dos concellos de Catoira (San Mamede de Abalo, San Miguel de Catoira, San Pedro de Dimo e Santa Baia de Oeste), Dodro (Santa María de Dodro, San Xián de Laíño e San Xoán de Laíño), Padrón (San Pedro de Carcacía, Santiago de Padrón, Santa María de Iria Flavia, Santa María de Cruces e Santa María de Herbón), Pontecesures (San Xulián de Requeixo), Rianxo (Santa María de Asados, Santa Baia do Araño, Santa María de Isorna e Santa María de Leiro) e Valga (Santa Cristina de Campaña, San Miguel de Valga, Santa María de Xanza, San Salvador de Setecoros e Santa Comba de Cordeiro). A previsión é ir incorporando moitos máis elementos en datas vindeiras, coa axuda das voluntarias e voluntarios.

As entidades impulsoras

A Asociación Cultural Os Penoucos nace no 2006, froito das inquedanzas dun grupo de persoas do treito baixo do río que separa (e une) as provincias de Coruña e Pontevedra. Buscan o fomento da lingua e cultura galega, realizando actividades culturais, artísticas e medioambientais. Pola súa banda, a Asociación Comunidade O Zulo é unha comunidade de usuarios e desenvolvedores de ferramentas tecnolóxicas libres con sede en Mugardos, dende onde colaboran conxuntamente con outros colectivos da nosa terra para facer avanzar proxectos que redunden no acceso á cultura e o coñecemento e no empoderamento tecnolóxico.

Obaixoulla.gal é un proxecto colaborativo no que todas e todos os internautas poden incorporar os diferentes elementos a este mapa e así “comprender, reflexionar e sinalar aspectos da nosa realidade cotián, histórica e colectiva, contribuíndo a poñer ao alcance de todas e todos o patrimonio”, sinalan dende Os Penoucos, lembrando que “calquera que o desexe pode enviar as súas achegas, sexan comentarios, suxestións, textos, fotos… usando o formulario de contacto da web do proxecto”.

Outros artigos

Publicidade

PEL
PEL

Revista en papel

Opinión

“Dor e sufrimento” – José Manuel Pena

“Dor e sufrimento” – José Manuel Pena

No colexio, na piscina, no ximnasio, nunha excursión polo campo ou dentro do propio núcleo familiar, que muller non sufriu algún acoso ou agresión de tipo sexual? Eran outros tempos, din algúns. A pesar de todo, actualmente, unha gran parte da sociedade segue mirando...

“Ratos, ratiños e tornarratos” – Antón Luaces

“Ratos, ratiños e tornarratos” – Antón Luaces

O que foi e o que non é;  o que puido ser e a realidade converteu nunha experiencia máis para todos; o que o presidente autonómico canario quixo transmitir coma un relato propio daquel personaxe que foi "Cantinflas", quedará gravado para sempre na memoria de cantos, a...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.