O BNG da Pobra propón a dotación de servizos aos membros da Confraría e o arranxo do Camiño Real

25 Novembro 2019

O grupo municipal do BNG pobrense levará a pleno unha moción relativa á incorporación de diversos proxectos no Plan Único da Deputación da Coruña para o 2020.

Segundo expoñen, ao municipio da Pobra do Caramiñal correspóndenlle un total de 385.261’27 euros -cantidade que se pode ver incrementada en base a remanentes da propia Deputación- tras a aprobación por parte do pleno da Deputación da Coruña das bases reguladoras do Plan Único para o ano 2020.

Neste senso, a formación nacionalista considera que son varias as actuacións “que levan sendo reivindicadas desde fai moito tempo e que poden ser acometidas con esta axuda.” Así, propoñen dúas intervencións a desenvolver no concello.

Por unha banda, o Bloque manifesta que a Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal, “un dos sectores máis produtivos máis importantes dentro da comarca, na nosa ría e, por suposto, na Pobra do Caramiñal”, leva tempo reivindicando a dotación dunha infraestrutura onde poder mudarse, ter armarios e outros servizos para as súas tarefas, constituíndo unha “dotación imprescindíbel para mellorar as súas condicións de traballo e evitar moitas situacións que non son de recibo na sociedade actual.” Tamén precisan que xa hai estudos previos, incluso algún proxecto, sobre o lugar onde se podería emprazar, algo que ten que ser acordado entre o propio sector e quen realice a obra. Así mesmo, enténdese como necesario a colocación dun foco na zona de San Antón, aproveitando as infraestruturas xa existentes, para contribuír a erradicar o furtivismo.

Outro dos aspectos a abordar é o estado “de deterioro e mal estado” no que se atopa o Camiño Real ao seu paso pola Ribeiriña e o Conchido, precisando “dunha atención inmediata para o seu arranxo que vén sendo reclamada tanto polos veciños e veciñas como polo BNG, que xa presentou diversas iniciativas a este respecto.” Concretamente, sinalan que levan propostas tódolos anos desde o 2015, “sen ter resposta por parte do Concello.” Deste xeito, referíronse ás fochancas, ás marxes da estrada ou aos accesos ás praias, entre outros.

Por todo isto, o BNG solicita a adopción dos acordos en relación a presentar ao Plan Único 2020 da Deputación da Coruña o proxecto para a dotación dunha infraestrutura para uso da Confraría que permita o seu emprego como vestiario e zona de servizo para os seus membros, así como a colocación dun foco na zona de San Antón que permita a iluminación suficiente para axudar ao combate do furtivismo. Ademais, presentar ao referido Plan o proxecto para o arranxo e mellora do Camiño Real no citado tramo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.