
O Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro (segunda edición), convocado polo Concello de Pobra do Caramiñal co obxectivo de mostrar e reivindicar as máis destacadas contribucións ao afianzamento da lectura entre a rapazada, vai ser entregado o vindeiro 21 de novembro na propia vila barbanzá. A cita será ás 20.00 horas, segundo confirma o selo Galaxia. Como lembraremos, o galardón foi dar a este ano (por unanimidade no xurado, formado pola escritora Patricia Mallo, a vocal da Asociación Cultural Barbantia Pilar Sampedro e o director xeral da Editorial Galaxia Francisco Castro) ao escritor Xosé A. Neira Cruz pola súa obra O enigma do baúl pechado.
O xurado salientou a “fermosura da linguaxe poética empregada polo autor”, malia tratarse a temática dunha cuestión dura e difícil como “son as dificultades que moitas veces teñen as persoas inmigrantes para se integrar entre nós, tanto dende o punto de vista social como cultural”. Asemade, Mallo, Sampedro e Castro enxalzaron o punto de vista adoptado para desenvolver a trama, unha óptica próxima “ao marabilloso que entronca perfectamente coa vella e fecunda tradición literaria que vén dende Cunqueiro ata os nosos días”. Amais, o xurado puxo de manifesto a capacidade da obra para sensibilizar ás novas xeracións na defensa da igualdade e a loita contra dos prexuízos.
O II Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro, convocado polo Conello da Pobra do Caramiñal, a Editorial Galaxia e Barbantia, ten como finalidade honrar a figura do recentemente falecido Carlos Mosteiro, escritor fundamental da literatura infantil e xuvenil amais de ser un autor moi estreitamente ligado á nosa comarca. O premio consiste na publicación da obra por parte de Galaxia na súa colección Árbore e 1.500 euros para o gañador.