
20191003. Despois de que no pleno ordinario celebrado o 30 de outubro en Ribeira se tratase o asunto do proxecto de instalación da depuradora de mexillón no peirao de Castiñeiras, a veciñanza desta parroquia manifesta que non deixan de facerse a pregunta relativa a “son coñecedores os responsables de Portos de Galicia, Xunta de Galicia, Costas de Galicia, Concello de Ribeira e promotor da obra en cuestión que esta nomeada obra se pretende realizar enriba dun aliviadoiro da EDAR de Ribeira?”
Tamén engaden que “que calidade van ter as augas que vai captar esta pretendida depuradora para o tratamento do mexillón?” e “onde están as garantías de salubridade e seguridade para a potencial poboación consumidora deses mexillóns?”, así como “é legal que a toma de auga do mar dunha depuradora teña lugar nas inmediacións dun aliviadoiro de augas residuais?”
Segundo entenden, aos organismos e institucións que participaron no deseño da EDAR de Ribeira “non se lles ocorreu tampouco a posibilidade de que alguén pensase en poñer aí unha depuradora de mexillón.”
Deste xeito, expresan que teñen dúbidas e esixen a realización dun “rigoroso cumprimento da normativa vixente e un seguimento escrupuloso da lei”, especialmente, “no referente á saúde pública e o respecto ao medio ambiente.”