Ribeira converterase en punto de encontro das Asociacións da Memoria Histórica

16 Outubro 2019

20191016. O Encontro de Asociacións da Memoria Histórica celebrarase ao longo de toda a xornada do sábado 19 no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira. Baixo o nome de Verdade, Xustiza, Reparación, o programa inclúe coloquios e a proxección dun documental, reunindo a colectivos chegados de distintos puntos do territorio galego e do resto de España. Os encargados de explicar as características deste evento foron Andrés Lijó, anterior presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza; Pili Pereiro, tesoureira da actual directiva; Xulio Ageitos, secretario da directiva; e Xan Hermida, membro da directiva.

Xulio Ageitos sinalou que o obxectivo deste encontro reside en “poñer en común o traballo que estamos facendo en diferentes Asociacións da Memoria de todo o país e, incluso, poder chegar a algunha conclusión de facer traballo conxunto.”

O apartado de ‘Verdade’ comezará ás 10.00 horas coa benvida para proceder coa charla Atrancos cos arquivos, a cargo de Conchi López Sánchez, investigadora que forma parte do grupo HISTAGRA. Xan Hermida precisou que versará sobre “os atrancos cada vez máis grandes para consultar algún tipo de arquivos, por exemplo, os que falan da represión. Hai unha volta atrás claramente e, para nós, é fundamental a verdade que se ten que basear na documentación e nos arquivos.” Así mesmo, tratarase a persecución que sofren os investigadores por publicar documentación.

No eido de ‘Xustiza’, desenvolverase a conferencia Meirás para o pobo. Unha loita pola dignidade, da man de Fernando Souto, da CRMH de A Coruña; así como A loita contra a impunidade: a querela arxentina, por parte de Chato Galante, de CeAQUA. Andrés Lijó apuntou que se tratará o asunto do pazo de Meirás, “un emblema na loita contra o franquismo. A situación actual vén a dicir de que hai moitas posibilidades e vaise chegar a conseguir que isto pase a patrimonio público.” No que respecta a Chato Galante, indicou que foi represaliado e torturado por Billy el Niño, polo que o seu tema será sobre a querela arxentina que “é a única que está aberta no mundo contra o franquismo. Hai un montón de problemas. España non está participando, non está colaborando nesta investigación, non fai máis que poñer atrancos. E esta xente se está preocupando de que isto teña un bo final.” Ás 14.00 horas procederase á realización dun xantar de confraternización.

En canto a ‘Recuperación’, terán lugar os coloquios A usurpación de bens pola igrexa, a cargo de Luis Fernández, de Europa Laica; A simboloxía da Memoria, da man de Telmo Comesaña, Queta Molas, Camilo Camaño e Xoán Hermida, representantes das Asociacións da Memoria; e A exhumación de fosas, ofrecido por Xosé Lois Vilar, arqueólogo, historiador e director da exhumación das fosas de O Rosal no 2009. Neste senso, Xulio Ageitos expuxo que tamén se falará sobre os casos de nenos roubados, así como daquelas asociacións que conseguiron “poñer monumentos en memoria dos asasinados polo franquismo.”

O encontro concluirá coa proxección do documental El silencio de los otros, de Almudena Carracedo e Robert Bahar. Segundo puntualizou Pili Pereiro, esta peza audiovisual “reflicte a loita silenciosa das vítimas do franquismo e a búsqueda de tódalas persoas desaparecidas”, así como a procura de xustiza, pois “somos o único país de Europa que da medallas, da premios a torturadores. É incrible que isto siga ocorrendo no noso tempo.” O filme rodouse ao longo de seis anos e tamén amosa “a loita que non se puido realizar en España e tivo que recurrir a Arxentina, onde se intenta buscar xustiza, buscar reparación para todos estes delitos que non deixaron de ser un xenocidio.” Engadiu que “non é abrir feridas como din algúns. As feridas están abertas. O único que intentamos é pechalas, pero pechalas con verdade, con xustiza e con reparación.”

Outros artigos

Corrubedo estrea dúas pistas de tenis

O concello de Ribeira conta xa con dúas novas pistas deportivas para a práctica do tenis. Trátase das dúas pistas estreadas no lugar de Saamil, na parroquia de Corrubedo, onde as seareiras e seareiros deste deporte xa poden xogar e gozar das novas instalacións,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

O chipriota Costas Kadis, de 57 anos, será -se así o decide o Colexio de Comisarios- o próximo Comisario de Pesca e Océanos da Comisión Europea- A proposta de nomeamento parte da presidenta deste organismo da UE, Ursula von der Leyen, quen confía en que o político...