Quico Cadaval estrea Medida x Medida este venres no FIOT de Carballo

03 Outubro 2019

20191003 Abriu as súas portas (até o 1 de novembro) a 28 edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, e faino cun programa ateigado de novidades e, tamén, unha manchea de xornadas (máis de un mes) para desfrutar do mellor das nosas artes escénicas e, tamén, de propostas chegadas máis alá do que abrangue a nosa vista. Entre estas novidades atópase a estrea absoluta, este 4 de outubro, de Medida x Medida, de Producións Teatrais Excéntricas, adaptada e dirixida polo dramaturgo ribeirense Quico Cadaval. A obra, que xa se preestreou na Illa de Arousa o 20 de setembro, é en palabras da organización do FIOT “unha das propostas máis salientábeis” de cantas se poden desfrutar ao longo do festival.

A estrea abre o Programa de Sala este venres 4 de outubro. A nova creación de Producións Teatrais Excéntricas, que está a celebrar o seu 15º aniversario, achegará un punto de vista novo, xenuinamente noso, sobre o legado artístico de William Shakespeare: o punto de vista retranqueiro, espontáneo e irreverente de Quico Cadaval, que xa ten ás súas costas certa experiencia en deconstrución e reconstrución arredor da obra do escritor inglés (por exemplo a través da obra Shakespeare para ignorantes).

Medida x medida xorde directamente dunha destacada unión de forzas: a da compañía Excéntricas e ao do propio FIOT. A presentación da obra levouse a cabo onte no Pazo da Cultura de Carballo, onde se fixo saber que as dúas primeiras funcións serán este venres e este sábado, ás 21.00 e ás 20.30 horas, respectivamente.

Na rolda de prensa de presentación participaron o concelleiro de Cultura de Carballo, Marcos Trigo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro; o director da montaxe, Quico Cadaval; e o reparto, conformado por Melania Cruz, Patricia Vázquez, María Costas, Josito Porto, Santi Romay, Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira.

Na cita, Cadaval quitoulle ferro ao asunto de argallar unha estrea ao abeiro da obra do dramaturgo inglés: “Non se debe considerar un acto culturalista montar unha obra de Shakespeare, senón un acto para atoparse co público”. Sobre Medida x Medida comentou: “Durante 300 anos discutiuse se o texto era unha comedia, un drama, un melodrama ou unha traxedia, e ese carácter onde o horror e o riso se mesturan pois é unha cousa que nos interesou a min persoalmente pero tamén á boa parte da compañía”. Segundo engadiu, a montaxe de Excéntricas achéganos “un Shakespeare máis canónico, afastado daquel Shakespeare para ignorantes que fixemos hai anos”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

“12 de agosto de 1975”. Xosé González Martínez

Sempre tiven curiosidade pola etimoloxía da nosa onomástica. Pero tamén polosalcumes, para coñecer as razóns que os motivaron. De aí que sexa un atento lector dostextos das esquelas que se publican nos xornais.O mes de agosto sempre foi un mes moi festeiro. Por estas...

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

“El rey ausente” – Manuel Domínguez

El rey ausente. Los muertos son números que forman parte de una estadística. ¿Números? Si. Si muere en el exterior, es el número del pasaporte, si muere en el hospital en número de la seguridad social, si muere en casa el número del DNI. Los 100 muertos en el mar,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.