
O BNG ribeirense considera que o goberno local “discrimina zonas” do municipio “someténdoas a un continuo abandono.” Desta maneira, o grupo municipal rexistra unha iniciativa para que o Concello realice un proxecto para mellorar o aspecto da praza Amarella “que actualmente ten deficiencias no seu mantemento e limpeza.”
O voceiro da formación nacionalista, Xosé Vázquez Cobas, argumenta que esta zona do casco urbano está “esquecida polo señor Ruiz Rivas, pois non se avanza nin na mellora de beirarrúas, nin na limpeza, nin na reestruturación do tráfico coa que facilitar a circulación.” Vázquez Cobas sinala que, no mes de abril do ano 2018, presentaran unha proposta para reorganizar o tráfico de todo o barrio do Monumento “dándolle prioridade a rúas de sentido único e con prazas de estacionamento mais nada se fixo a día de hoxe, o goberno está inactivo.”
Con respecto á citada praza, o voceiro do Bloque describe o panorama como “desolador”, aducindo que “hai pintadas por mor de actos vandálicos e pola escasa seguridade, a herba nace no medio das lousas e malia que se eliminaron espazos verdes, os poucos que hai non teñen o coidado que precisan.” Ademais, apunta que “o desleixo é tal que mesmo hai zonas de intensa humidade que escurecen o chan e falta mobiliario.”
Por todo isto, o BNG vai solicitar que se realice un proxecto de mellora no mencionado emprazamento, no que se contemple “a reparación das deficiencias, se mellore a limpeza e se repoña o mobiliario, así como un maior coidado e aumento das zonas verdes.” Así mesmo, os nacionalistas anuncian que esta é “unha das primeiras iniciativas para revitalizar o barrio do Monumento e sacalo do esquecemento ao que o somete Ruiz Rivas.”