Catro ANPAs do Barbanza recibirán axudas para a promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero

16 Outubro 2019

20191016. O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, informou esta mañá da resolución da orde de axudas para financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero postas en marcha polas Asociacións de Nais e Pais galegas (ANPAs).

O representante do Goberno autonómico destacou que “a Xunta considera fundamental a implicación das ANPAs galegas para poder chegar ás familias e ao alumnado galego e dotalos das ferramentas necesarias para promover unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan e axuden a erradicar todas as formas de violencia de xénero.”

Estas axudas, financiadas no desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, estaban dotadas nun principio cun total de 300.000 euros. Posteriormente, decidiuse incrementar a partida inicial en 80.000 euros ata acadar os 380.000 euros.

Na comarca do Barbanza, a Secretaría Xeral de Igualdade aprobou a concesión de catro axudas, que contarán cunha achega total de máis de 13.000 euros para levar a cabo os programas propostos polas ANPAs de dous centros educativos de Boiro (IES Praia Barraña e CEIP de Abanqueiro), un de Rianxo (IES Félix Muriel) e outro de Ribeira (CEIP Plurilingüe de Palmeira).

Cada solicitude pode recibir un máximo de 4.000 euros se é de carácter individual; ou de 7.000 euros, no caso das peticións conxuntas presentadas por dúas ou máis ANPAs dun mesmo concello ou por unha federación ou confederación de ANPAs.

Ao abeiro desta orde de axudas, financiaranse programas e actividades de difusión dirixidas ao alumnado de centros educativos non universitarios, ás familias, ás ANPAs e á comunidade educativa. Entre as actuacións subvencionables inclúense escolas de pais e nais que aborden temas de igualdade, de educación afectivo-sexual e sobre violencia de xénero; a elaboración de materiais informativos para nais e pais que lles axuden a detectar estes casos; a realización de accións de formación, sensibilización e difusión contra a cosificación do corpo das mulleres e contra a hipersexualización das nenas; a formación para pais e nais ou mozos e mozas sobre o uso adecuado  e crítico das novas tecnoloxías, especialmente, no que se refire á protección da privacidade e os ciberdelitos; accións de formación coas familias e o alumnado sobre novas masculinidades ou micromachismos; e outras accións que sensibilicen sobre os estereotipos e que dean a coñecer as pautas para previr a violencia de xénero o os protocolos existentes en casos de agresións.

A Xunta considera fundamental a implicación das ANPAs galegas para poder chegar ás familias e ao alumnado galego e dotalos das ferramentas necesarias para promover “unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan e axuden a erradicar todas as formas de violencia de xénero.”

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...