Arrancan as xornadas do proxecto Erasmus+ na Asociación Amicos

Cedida por Asociación Amicos

20191001. Os 24 integrantes das asociacións participantes no novo proxecto Erasmus+ foron recibidos por Yassin, Miguel, Carmen e Juan, que exerceron de anfitrións da Asociación Amicos. Nesta ocasión, compartirán uns días de traballo e diversión con mozos e mozas de Turquía, Rumanía e Valencia. A axenda consta dun amplo abano de actividades centradas na tecnoloxía e a cultura, sendo este o eixo principal deste novo Erasmus+. Así, o obxectivo fundamental reside na inclusión social de persoas con discapacidade intelectual, a través dun enfoque innovador de aprendizaxe colaborativo, centrado na tecnoloxía.

Cedida por Asociación Amicos

O director xeral de Amicos, Xoán España, iniciou esta mañá a xornada para proceder á presentación das diferentes entidades participantes e dos seus integrantes. No día de hoxe, Carmen e Miguel, participantes da Asociación Amicos, exerceron de guías polas instalacións e explicaron as diferentes actividades que se desenvolven. Ademais, terá lugar un xantar compartido xunto cunhas dinámicas de inclusión e unha cea con comida típica da zona.

A semana estará repleta de citas coma a visita ao Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña, Casa das Ciencias, illa de Sálvora, cidade de Santiago de Compostela e termas de Ourense.

A través destes proxectos ofréceselle a persoas con discapacidade a oportunidade de coñecer outras culturas ao tempo que se desenvolven actividades que favorezan o desenvolvemento persoal a través da tecnoloxía.