Verdegaia denuncia as irregularidades do proxecto de depuradora de mexillón de Castiñeiras

20190912 Continúan as informacións sobre o proxecto de instalación dunha depuradora de mexillón no porto de Castiñeiras (Ribeira). Se onte mesmo falabamos en O Barbanza das iniciativas de rexeitamento e mobilización levadas a cabo polo BNG local, hoxe damos conta do novo comunicado emitido pola asociación galega Verdegaia, no que dá conta da evolución das comunicacións mantidas coas administracións con meirande competencia na cuestión: Portos e o Concello de Ribeira. Segundo informa Verdegaia, logo da información recibida de Portos e unha vez analizada esta polo miúdo, “confírmanse unha vez as irregularidades que se intuían na tramitación do proxecto”.

Segundo explica Verdegaia, estas irregularidades percíbense dende a orixe da iniciativa, coa concesión adxudicada no 2015, e na que “se dá un prazo de tres meses para empezar a obrar, mantense -en contra do recollido nas cláusulas da concesión- sen caducar dous anos despois, en 2017, cando a empresa, despois de moitos meses de silencio, retoma a tramitación do proxecto”, apuntan dende Verdegaia, engadindo que “a irregularidade repítese novamente este ano”, cando, en abril, Portos de Galicia “ameaza con caducar a concesión se no prazo de 10 días non se presenta documentación adicional, para volver enviar outro escrito de apremio, ofrecendo outro prazo de 10 días en setembro do mesmo ano, cinco meses despois de transcorrido o prazo para decretar a concesión”.

A asociación lembra que a depuradora de Castiñeiras xa tivo informes negativos dende diversas vertentes (o departamento de Urbanismo, o técnico de Medio Ambiente do Concello de Ribeira, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro) e que existe un baleiro de información no que á caracterización dos vertidos se refire, “dos que se nomea só o volume previsto de vertido de augas procedentes do depurado (43,200 litros diarios)”. O colectivo medioambiental lembra que “antes de verter ao mar, é preciso indicar que é exactamente o que se vai verter”.

Por outra banda, tamén critican novamente a suposta idoneidade do emprazamento escollido para a instalación (que está a xerar rexeitamento entre a veciñanza de Castiñeiras, pola súa proximidade ás praias de Castiñeiras, ao porto e a áreas de gran importancia pesqueira e marisqueira) e a ausencia dunha valoración do posíbel impacto ambiental dos vertidos, así como o preceptivo informe de Augas de Galicia.

Verdegaia recorda que a súa non é postura contra o sector do mexillón nas nosas rías, que consideran fundamental para o tecido económico galego e para centos de familias, senón a prol de medidas que garantan que se elixen os mellores emprazamentos para as depuradoras.