Suma Ribeira levará ao pleno unha proposición relativa á depuradora de mariscos de Castiñeiras

27 Setembro 2019

20190927. Un dos puntos a tratar no pleno ordinario que se celebrará o luns en Ribeira será a proposición de Suma Ribeira en relación ao proxecto de depuradora de mariscos no peirao da parroquia de Castiñeiras. Desde a formación indican que “estamos abraiados, preocupados e contrariados” e entenden que ” tampouco neste tema as Administracións implicadas actuaron co mínimo de transparencia esixible para unha obra destas características.”

Ademais, fan un repaso desde que saíu no 2015 a exposición pública a concesión dunha depuradora e tanques de subministro de combustible para o porto desa localidade, en terreos “ao parecer, de competencia exclusiva de Portos”, así como que xa, por aquel entón, “se formulou unha pregunta ao Alcalde para interesarse polo tema sen que teñamos coñecemento da repercusión da pregunta nin da resposta dada. Ao parecer, o Concello de Ribeira non presentou daquela ningún tipo de alegacións a tan delicada e intrusa actuación, menosprezando ou avaliando como inexistentes as potenciais molestias e prexuízos” que suporía o emprazamento da citada instalación ao lado da zona verde e recreativa do Castro e da antiga fábrica de salgadura, ao pé dun pequeno areal e a vinte metros da praia urbana de Castiñeiras “moi frecuentada esta polas veciñas da zona, do Concello e por poboación turística.”

Así mesmo, expoñen que “parece ser que o Concello ten poucas competencias nos terreos onde se pretende asentar a Depuradora, pero tamén semella que o Equipo de Goberno Municipal non se preocupou polo posible impacto urbanístico, paisaxístico e medioambiental da intrusa obra, nin tampouco polo impacto que podería xerar na veciñanza de Castiñeiras.”

É por iso que consideran que o Goberno municipal debería actuar desde o comezo “para impedir con accións políticas eficaces chegar á lamentable situación actual”, especialmente cando “ao parecer se quere facer un esforzo para que as actuacións urbanísticas no noso Concello sexan coordenadas por especialistas (véxase o exemplo da Fundación RIA), o Concello non se preocupe pola racionalidade e conveniencia de permitir docilmente que no ano 2019 se perpetúe esa invasiva construción.”

Desde Suma Ribeira pensan que o Executivo local quere presentar esa obra á cidadanía como “inocua ou incluso beneficiosa”, da que, canta máis información se recada, “máis rexeitamos.”

Tamén expresan que o seu pesar porque “o noso Concello non informe á súa veciñanza, de maneira accesible para a maioría, deste e outros proxectos que, ben poidan ter unha repercusión urbanística, paisaxística, medioambiental,… importante, ou ben sexan susceptibles de provocar un rexeitamento popular.”

Do mesmo xeito, trasladarán algunhas das preguntas formuladas pola veciñanza de Castiñeiras coma, por exemplo, “hai seguridade contrastada de que non vai producir ningún tipo de alteración medioambiental tanto no mar como en terra?” ou “poderá afectar a tranquilidade, sosego e benestar envexable das persoas que desfrutan da praia e da zona verde e recreativa do Castro?”, entre outras.

Por todo isto, propoñen que o pleno inste ao alcalde a que actúe en exercicio das competencias municipais negociando coas administracións competentes, e, nomeadamente con Portos de Galicia, para que se paralicen definitivamente as mencionadas obras no porto de Castiñeiras, “buscando, se obxectivamente fose necesidade no sector do mexillón, un emprazamento axeitado para unha Depuradora de Mariscos, que tivese necesariamente en conta estudios técnicos completos accesibles e as opinións de todas a persoas, agrupacións profesionais e colectivos interesados”; que o Concello, no exercicio das súas competencias, obrigue á empresa responsable “da ilegal actuación, na medida do materialmente posible, a restituír a demolición e recheo feita sen licenza municipal preceptiva á situación natural orixinal”; que se traballe desde o Concello, en coordinación coas administracións competentes cara a consecución dunha normativa que evite lagoas no deseño dun Plan Urbanístico Xeral, “na procura de evitar que haxa partes sensibles da nosa xeografía que impidan, como ao perecer aconteceu ata agora neste caso, que a Corporación Municipal teña unha importante participación nun Deseño Integral e Sustentable do noso Concello.”

Outros artigos

Ribeira reivindica arte local cunha mostra colectiva de 23 artistas

O Centro Cultural Lustres Rivas, espazo vivo de creación e difusión cultural activo dende 2011, acolle este días, por segundo ano consecutivo, unha exposición colectiva de artistas da contorna, fundamentalmente ribeirenses, baixo o título Camiño da arte que está...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión