Os corredores teñen unha cita en Ribeira con motivo da XXII Carreira Popular de Santa Uxía

20190916. Ribeira celebrará o sábado, 28 de setembro, a XXII Carreira Popular de Santa Uxía. Trátase dunha cita consolidada no calendario deportivo do municipio que forma parte do VII Circuíto Provincial de Carrerias Populares da Deputación e do IV Circuíto de Carreiras Arousa Norte que, unha vez máis, contará cunha distancia de 10.000 metros na súa modalidade absoluta.

A concelleira de Deportes, Juana Brión, xunto co técnico municipal Miguel Ruiz, detallaron as características desta proba, cuxo prazo de inscrición xa está aberto e concluirá o xoves 26, ás 23.59 horas.

A competición arrancará ás 17.00 horas no Malecón coa participación dos Sub-14 e Sub-16, que deberán cubrir unha distancia de 2.500 metros. Pouco despois, ás 17.30 horas, está previsto o inicio da modalidade Sub-12, de 1.000 metros; mentres que, ás 18.00 horas, terá lugar a proba absoluta de 10 quilómetros, a cal engloba ás categorías Sub-18, Sub-20, Sub-23, Sénior e Máster. Nesta, os atletas terán que dar dúas voltas a un circuíto que procura bordear o mar ata Coroso co propósito de evitar no máximo posible molestias na circulación rodada.

Así mesmo, dará comezo, ás 18.00 horas, a denominada ‘Sapatilla inclusiva’, unha modalidade única absoluta para persoas con diversidade funcional, que terán que completar unha volta de 5.000 metros ao mesmo circuíto.

Xa para rematar, ás 19.10 horas correrán os ‘pitufos’ antes de proceder coa entrega de trofeos, onde haberá premios en metálico para os tres primeiros clasificados da proba absoluta, tanto masculino coma feminino, que tamén recibirán un galardón deseñado polo artista Abraham Benítez, así como medallas conmemorativas para os tres mellores corredores locais e para os tres primeiros de cada categoría. Nas modalidades ‘pitufo’ e prebenxamín, tódolos participantes recibirán unha medalla e non se establecerá clasificación.

Juana Brión animou a tódolos afeccionados ao atletismo a inscribirse no certame, ademais de convidar á veciñanza e visitantes a que se acheguen para presenciar este evento deportivo.

As inscricións débense formalizar ben na web www.riveira.gal ou ben en www.emesports.es. A anotación é gratuíta para as categorías base, ata Sub-16 incluído, mentres que a proba absoluta ten un prezo de 6 euros. Ademais, con motivo da celebración desta proba ábrese un segundo prazo de inscrición ao Circuíto de Carreiras Arousa Norte, que integra tamén as citas populares de Rianxo, prevista para o 1 de novembro, e Boiro, programada para o 1 de decembro.