O día da Virxe do Carme e o venres da Guadalupe, festivos locais de Rianxo no 2020

27 Setembro 2019

20190927. Rianxo celebrou na tarde de onte a sesión plenaria ordinaria do mes de setembro coa ausencia da socialista María del Carmen Figueira e de Sara Resúa, representante de Ciudadanos.

Primeiramente procedeuse á aprobación da acta do pleno en sesión ordinaria do 1 de agosto de 2019 e, despois, informouse da dación de conta das resolucións de Alcaldía e actas da Xunta de Goberno, a dación de conta da aprobación da liquidación do Orzamento de 2018, a dación de conta do informe de avaliación do cumprimento dos obxectivos da Lei Orgánica de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira e a dación de conta do informe de Avaliación do cumprimento do Plan de Saneamento-Financeiro (PSF 2015-2018) na anualidade 2018.

A continuación, saíu adiante por unanimidade o punto referente á resolución da Alcaldía 752/2019 de aprobación do proxecto técnico modificado para a obra de execución e saneamento integral no lugar de Foxacos (Araño), pois a Deputación considerou que existían algunhas carencias e houbo que facer cambios das zonas de saneamento “o suficientemente substanciais no que é o proxecto para seren corrixidas”, tal e como indicou o alcalde Adolfo Muíños, pero mantendo o prezo de 197.207’49 euros.

Outras das cuestións aprobadas por unanimidade foi a inclusión da renovación da cuberta do patio cuberto do colexio Brea Segade (Taragoña) dentro do plan de obras de Deputación.

Ademais, establecéronse cos votos a favor de tódolos grupos municipais presentes, exceptuando a abstención de Rianxo en Común, o día da Virxe do Carme, o 16 de xullo, e o venres da Guadalupe, o 18 de setembro, como festivos locais do ano 2020.

Outros dos asuntos a abordar, os cales saíron adiante por unanimidade, foron a ampliación dos límites cuantitativos para a anualidade 2020 do contrato de obra das vivendas dos mestres, bloque B, e a ampliación dos límites cuantitativos para a anualidade 2020 do contrato de obra do PEIM 2019-20, para a mellora e mantemento do firme da pista de Cerqueiras a Campelo, tramo 1.

Non obstante, o crédito extraordinario 2/2019 para a dotación orzamentaria dos gastos pendentes de aplicación da conta (413) que non teñen financiamento afectado, só foi aprobado cos votos a favor do BNG e PSdeG-PSOE e abstención do resto de forzas.

Por outra banda, chegou a quenda de rogos e preguntas. Rianxo en Común quixo saber a razón de que os encargados da limpeza das praias deixasen de traballar, de que non se notificase aos bañistas do vertido de augas fecais procedente da depuradora, das conclusións da investigación deste suceso e unha valoración dos cen días de goberno. O rexedor respondeu á primeira cuestión explicando que foi por extinción de contrato, no cal existía unha cláusula que especificaba que sería ata esgotar a partida orzamentaria correspondente. En canto á depuradora, Adolfo Muíños recoñeceu a falta dunha ferramenta para actuar con axilidade ante estes supostos e a necesidade dun protocolo de actuación, así como que está pendente o informe de Aquagest e non descarta unha xuntanza con autoridades sanitarias da Coruña. Respecto á valoración dos cen días de goberno, expresou que prefería incluílo como punto da orde do día dun pleno para que tódolos grupos poidan dar a coñecer as súas opinións e contrastalas.

Así mesmo, o PP trasladou a queixa de doce familias que viven no camiño da Portela, polo cal é difícil circular con vehículos, incluíndo ambulancias ou camión de bombeiros se fose preciso. Deste xeito, os veciños reclaman os 2’5 metros de ancho. O alcalde sinalou que prevese unha vía de 8 metros coa aprobación do Plan Xeral que se pretende levar antes de que finalice o ano para que a Xunta de Galicia o aprobe tamén definitivamente. Desta maneira, co ancheamento aspírase ao aumento das propiedades nesa zona e a que se poida construír, pero “é mellor esperar á aprobación do Plan Xeral para cometer unha expropiación forzosa” que o faga posible.

Outros artigos

Portos de Galicia inicia a concesión para 174 amarres e 470 m² en Rianxo

O investimento previsto polo club náutico é de 1,7 millóns de euros e proxéctase a súa execución en dúas fases coordinadas co plan de reordenación da dársena, que inclúe a remodelación das instalacións pesqueiras e mexilloeiras A Consellería do Mar, a través de Portos...

+

Accidente na AG-11 dirección Padrón, no concello de Rianxo

Os bombeiros do Parque Provincial de Boiro interviron na madrugada deste domingo 20 de abril nun accidente que se produciu no quilómetro 13 da AG-11 dirección Padrón, a altura do concello de Rianxo. O coche bateu contra a meridiana de formigón e posteriormente...

+

Rianxo detén a perda de poboación

Rianxo atópase entre os concellos galegos que foi quen de deter o devalo demográfico, tal e como se desprende dos datos recentes publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE), onde se indica que o concello rexistrou unha habitante máis que na mesma data do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Portas xiratorias, interese público”. José Luís Calo

“Portas xiratorias, interese público”. José Luís Calo

España ten moito que mellorar na loita contra a corrupción. O Grupo de Estadoscontra a Corrupción do Consello de Europa (GRECO) publicou dous informes deseguimento que avalían o cumprimento por parte de España das súasrecomendacións para previr a corrupción. O “GRECO”...