Corrubedo percorreu a súa historia a través dunha exposición

16 Setembro 2019

20190916. A casa do mar da parroquia ribeirense de Corrubedo acolleu durante esta fin de semana unha exposición histórica titulada Corrubedo nos arquivos, promovida pola Asociación XI Séculos coa colaboración do Concello e con Francisco Sánchez Fraga como comisario.

Os asistentes puideron contemplar documentación coma, por exemplo, o escrito procedente do arquivo diocesano que fai referencia á doazón en 1919 do coto do porto de Corrubedo por parte do rei Ordoño II aos monxes do mosteiro de San Paio de Antealtares; unha páxina do foro a Pedro Bolaño en 1621 do referido coto ou a anotación no rexistro do faro en maio de 1895 do naufraxio do transatlántico francés Dom Pedro –ocasionando máis de 80 mortos-, acompañado dunha fotografía deste vapor procedente da Biblioteca Nacional de Francia e dunha noticia da época.

Respecto ao Debonair, amosouse desde a medalla concedida a título colectivo ao pobo pola Sociedade Española de Salvamento de Náufragos ata copias do expediente administrativo que desembocou nesta concesión, fotografías dos tripulantes do barco e do propio acto de entrega e mesmo a brúxula orixinal que ía neste iate de bandeira inglesa.

Unha recompilación de fotografías e datos pertencentes a corrubedáns que figuran no rexistro de emigrantes 1923-1939 que se custodia no Arquivo Histórico Municipal; catro instantáneas de mulleres do pobo sacadas polo estadounidense Michael Kuh, antigo veraneante nas décadas dos sesenta e setenta que traballaba para medios coma National Geographic ou The New York Times;  e o expediente de solicitude dunha escola para o pósito foron outras das referencias exhibidas, ao igual que unha escolma de libros sobre naufraxios e o propio cabo.

Ademais, unha parte da exposición estivo dedicada a apeiros tradicionais de labranza e antigos utensilios de pesca que foron cedidos por moitos veciños para a mostra.

O acto inaugural contou coa participación da concelleira de Cultura, María Sampedro, e de Antonio Freire como presidente da citada entidade, así como a asistencia do cura párroco Gelasio López, da edil Ana Ruiz e de numerosa veciñanza.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.