Axóuxere achega un outono de liberdade creativa da man de Raquel Ferrández, Henrique Komatsu e Joelle Saliba

24 Setembro 2019

20190924 Os integrantes do selo editorial Axóuxere, con sede en Rianxo, entenden a vida como un proceso creador, que -contra as paramétricas actuais da sociedade capitalista- realízase no coñecemento, na autoexpresión e no despregue do ser de cada un. É esa unha das razóns polas que a editora configurou un espazo na aldea de Brión (Leiro, Rianxo), entre o ano 2011 e comezos do 2014, retomándose no verán de 2017. O proceso de Axóuxere volve tomar forma desta volta mediante unha serie de actividades públicas que se levarán a cabo entre os meses de outubro e decembro deste ano.

Os protagonistas serán: a filósofa galega Raquel Ferrández, o escritor brasileiro Henrique Komatsu e a escritora libanesa Joelle Saliba, residentes este outono na casa de Brión (Rianxo), dentro do programa de residencias de escritoras/es e pensadoras/es que a Axóuxere organiza xunto coa Deputación da Coruña e máis o Concello de Rianxo.

Raquel Ferrández

Máis polo miúdo, en outubro será a quenda de Raquel Ferrández, o sábado 19 de 11 a 14h e de 17 a 20h na Biblioteca Municipal de Rianxo e o domingo 20 de outubro de 11 a 14h na Casa de Axóuxere Editora (Brión, Rianxo) co seu seminario de pensamento Filosofías indias e occidentais da mente: meditación e neurociencia.Previamente, o 18 de outubro na biblioteca local, a partir das 20.00 horas, Raquel Ferrández achegará a conferencia Experiencia mística e expresión artística na filosofía india.

Henrique Komatsu

Polo que se refire á contribución do brasileiro Henrique Komatsu, desenvolverá en novembro o obradoiro de literatura A escrita como forma de resignificar a realidade, no que se discutirá unha vertente determinada do acto de escribir, que á súa capacidade para dar un novo significado á realidade. A intención é abordar este punto a través de encontros: encontro coa propia cuestión, encontro cos problemas decorrentes desa cuestión, encontro co concepto de escrita, encontro con diferentes realidades, encontro cos significados, coas palabras, etc. O obradoiro será os días 24 e 25 de novembro, o primeiro día na Biblioteca de Rianxo (de 11 a 14 e de 17 a 20) e o segundo na Casa de Axóuxere en Brión (de 11 a 14 horas).

Previamente, o día 22 ás 20 horas, na Biblioteca de Rianxo, Komatsu achegará a seguinte conversa: O ensaio e a resignificación da realidade.

Joelle Saliba

A cabalo entre novembro e decembro, a escritora e pensadora Joelle Saliba dirixirá o obradoiro de literatura Que é o que pasaría se, que servirá entre outras cousas para explorar os mundos posíbeis que poden medrar a partir dun ou dous elementos narrativos: as pezas que actuarán como os puntos de intersección entre un incidente que tivo lugar no mundo real do participante (o que é) e un mundo virtual (o que pasaría se) que se actualizará a través da ficción. Este obradoiro desenvolverase os días 30 de novembro (na Biblioteca de Rianxo, pola mañá e pola tarde) e 1 de decembro (só en horario de mañá, na Casa de Axóuxere en Brión).

Previamente, o día 29 na Biblioteca, Saliba ofrecerá a conferencia Do fondo á fronte: como o espazo se converte nun personaxe. Esta actividade realizarase ás 20 horas, na Biblioteca de Rianxo.

Para máis información sobre o programa de actividades de Axóuxere para este outono, a editorial puxo na súa web un PDF con todos os datos explicados polo miúdo, indicando como facermos a inscrición nos seminarios e obradoiros.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A vivenda” – José Manuel Pena

“A vivenda” – José Manuel Pena

É un ben de mercado para o negocio particular ou un dereito básico, fundamental e humano, como pode ser a educación, a sanidade, a prestación por desemprego ou a xubilación? A vivenda, en Galicia e no resto de España, continúa sendo un negocio e un ben de...