TechKids e a súa robótica construtiva chega a vindeira semana a Boiro

20190813 Esta semana (e as seguintes) proseguen as actividades divulgativas do CPEIG e AMTEGA para converter corenta concellos da nosa terra, nestes meses de verán (xullo, agosto e setembro), nun gran obradoiro lúdico-formativo sobre as máis prometedoras e enriquecedoras tecnoloxías dixitais. Trátase do novo programa TechKids, xornadas sobre robótica, pilotaxe de drons, creación de aplicacións móbiles e videoxogos e animación 3D. As accións, abeiradas ao programa DigiTalent da axencia AMTEGA, chegan estes días a Cuntis (onte, co obradoiro Crea a túa app), a Valga (hoxe, na aula CeMIT, a partir das 12.00 horas, co taller de drons Voa con nós), a Leiro (mañá mércores, co obradoiro Robótica para tod@s, a partir das 16.00 horas na aula CeMIT local) e a Burela (o venres 16, co obradoiro de drons, a partir das 16.00 horas na aula CeMIT).

A semana que vén a actividade TechKids pasará por Boiro (o taller de Róbotica para tod@s, o día 19), O Barco de Valdeorras (día 20), Pontedeume (22) e Betanzos (23 de agosto).

Respecto do obradoiroRobótica para tod@, que é o que se celebra en Boiro, é unha xeira formativa que mestura algoritmos e linguaxes co funcionamento de distintos robots. “A actividade iniciará ás nenas e nenos de 9 a 16 anos na programación dun xeito entretido”, segundo informan o CPEIG e AMTEGA, explicando que na actividade empregarase un Mbot, un robot comercial que dispón das ferramentas precisas para mergullar ás nenas e nenos nos segredos e nas potencialidades da robótica, dunha maneira lúdica, “xa que presenta o resultados dun xeito diferente”.

A actividade consistirá en superar mini-retos, cada un dos cales, unha vez resoltos, instruirá ao alumno nun algoritmo distinto de programación. Os participantes iniciaranse na programación por bloques, aprendendo o ciclo da vida do software, os condicionais, as variábeis e os algoritmos. “Coñecerán tamén as partes do robot e a función que desenvolven, condutividade e circuítos eléctricos cando constrúan o control remoto do MBot, ademais de debuxar, recortar e pegar o control do robot”, engaden as entidades organizadoras.

Nestas xornadas de difusión tecnolóxica sobre robótica tamén se inclúe a actividade MBot Segueliñas, onde se fará que o robot siga a liña dun circuíto, co alumnado competindo para ver que cousas fan ir máis rápido a máquina. Deste xeito, “aprenderán o ciclo da vida do software e os condicionais”, sinalan o CPEIG e máis AMTEGA.

Amais, xogarase cun MBot radiocontrol, construído un mando a distancia para controlalo coma se fose un coche de radiocontrol. Aprenderán eventos, electricidade e comunicación sen fíos e, finalmente, achegaráselles a actividade MBot Labirinto, construíndo un pequeno labirinto para ser percorrido polo MBot e axudalo a atopar a saída.